Publicado agosto 24th, 2010 por comunicacion
POST-A CORUÑA: LIBREIROS ‘K’
“…Ante certos libros, un pregúntase: quen os lerá? E ante certas persoas, un pregúntase: que lerán? E ao fin, libros e persoas atópanse.” André Gide.
Ese nexo entre persoas e libros, esa ponte entre autores, ilustradores e lectores, ese emparellador de soños é o libreiro ou libreira. Velaí están Gonzalo, da Libraría Cartabón, Pepe, da Libraría Couceiro, e Xaime, da Libraría Andel, nas súas casetas durante a Feira do Libro da Coruña. Rodeados de milleiros de páxinas de papel impreso, de obras coidadosamente encadernadas. Na agarimosa compaña de centos de historias que buscan ollos curiosos e oídos atentos que as lean e as escoiten; relatos á procura de mentes e corazóns abertos, nos que perdurar como un grato recordo. Postos a escoller que libro de KALANDRAKA ou FAKTORÍA K lles suxiren aos seus clientes, Gonzalo propón a lectura da novela “Motín na Bounty”, de John Boyne, traducida por Carlos Acevedo. Pepe escolle un libro de arte: “Mirar a pintura”, de Caroline Desnoëttes, traducido ao galego por Emma Lázare. Xaime detense nos contos do libro “O Rei Oso Branco”, de Tim Bowley, ilustrados por Óscar Villán. Chegará algún destes títulos ás túas mans? (Seguro que si. Grazas, libreiros).


