A proxección internacional de KALANDRAKA é un dos aspectos primordiais do traballo diario da editorial. A asistencia ás feiras especializadas máis importantes do mundo -Boloña, Frankfurt, Guadalaxara…- supón un importante esforzo de recursos humanos, loxísticos e económicos para que os Libros para Soñar cheguen o máis lonxe posible. Nos seus 12 anos de traxectoria, a actividade de KALANDRAKA vense distinguindo por manter contactos coas editoras máis prestixiosas que traballan noutros países, coas que se negocia a compra dos dereitos para publicar en galego a obra dos principais autores e ilustradores clásicos: Leo Lionni, Maurice Sendak, Arnold Lobel, Reiner Zimnik… e tamén dos creadores contemporáneos mellor valorados: Quentin Blake, Roberto Innocenti, Janosh…

Outra faceta de vital importancia para KALANDRAKA é a difusión dos títulos do seu catálogo entre lectores doutras linguas. Que o traballo artístico e literario de autores galegos como Kiko Dasilva, Chema Heras ou Óscar Villán, poida verse e lerse en Francia, China, Xapón, Corea, Brasil ou Australia. Esto é posible mediante a venda dos dereitos de tradución dos títulos de KALANDRAKA a editores deses países para que os publiquen nos seus respectivos idiomas.

Por outra banda, o mercado exterior de KALANDRAKA ten un maior peso no seu balance de resultados. As exportacións de libros a Europa, Asia, Norteamérica e Latinoamérica, aumentan exponencialmente a raíz das relacións comerciais que se entablan nas feiras internacionais con axentes, distribuidores e mediadores que visitan o stand da editorial. Neste sentido, a presenza de KALANDRAKA -cun espazo propio- nesas feiras é clave para seguir afortalando a súa imaxe e a súa situación no mercado internacional do libro infantil e xuvenil.

Como novidade importante, por primeira vez neste ano 2010, KALANDRAKA EDITORA contou coa axuda do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) para poder estar presentes nas distintas feiras internacionais e desenvolver accións de promoción.

* FEIRA INTERNACIONAL DO LIBRO DE BOLOÑA (23-26 MARZO)

KALANDRAKA organizou dous actos na 48ª Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña 2010: por unha banda, realizouse unha presentación do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado que organiza a editorial co Departamento de Educación do Concello de Santiago e ao que concorreron na súa terceira edición un total de 498 traballos procedentes de 22 países.

Ademais, no marco do Festival Internacional Bolibri do Libro Xuvenil, que se celebraba paralelamente á Feira, a Asociación SciogliLibroin, en colaboración con KALANDRAKA, organizou unha lectura en vivo de “Turandot”, un libro-disco adaptado por Joan de Déus Prats a partir da ópera de Puccini, con ilustracións de Pep Montserrat, que se editou en galego, portugués e italiano. A actividade, que se celebrou no Teatro Comunale de Boloña, estaba dirixida a público infantil a partir de oito anos e adultos.

O stand de KALANDRAKA amosaba o máis recente da súa produción propia, como “A araña e mais eu”, “Mago Goma”, “Os catro amigos” ou a colección “Makakiños día a día”. Tampouco faltaba unha representación do catálogo de FAKTORÍA K, con “Un becho estraño”, “Bocas” e “Nacer”. Obras que suscitaron un grande interese entre editores doutros países, para negociar a súa posible tradución a outras linguas.

Unha faceta interesante da Feira de Boloña foi a súa ampla oferta cultural. A Biblioteca Salaborsa, na Praza de Neptuno, acolleu a mostra titulada “Iela Mari, o mundo a través dunha lente”, organizada pola Asociación Cultural Hamelin. É a primeira vez en Italia que se celebraba unha exposición monográfica desta autora e deseñadora vangardista, da que KALANDRAKA ten editadas en galego as obras tituladas “Un globo vermello”, “A mazá e a bolboreta” e “As estacións”.

* FESTA LITERÁRIA INTERNACIONAL DE PARATY E BIENAL INTERNACIONAL DO LIBRO DE SAO PAULO ( 4-8  / 12-22 AGOSTO)

Os primeiros títulos de KALANDRAKA BRASIL chegaban o pasado mes de agosto ás librarías, escolas, bibliotecas e fogares dese país: “Grão de milho”, da galega Olalla González e do suizo -afincado en Galicia- Marc Taeger, “A zebra Camila”, dos galegos Marisa Núñez e Óscar Villán, “O leão Kandinga”, do camerunés Boniface Ofogo e da zaragozana Elisa Arguilé, e as dúas obras galardoadas co Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, “Perto”, da arxentina Natalia Colombo, e “Um grande sonho”, do mexicano Felipe Ugalde.

A creación desta nova empresa editorial afincada en São Paulo foi posible grazas á alianza entre KALANDRAKA e a brasileira Callis, dirixida por Miriam Gabbai; unha colaboración que se viña forxando nos últimos anos a raíz da adquisición, por parte de Callis, dos dereitos para traducir e publicar diversos títulos do catálogo de KALANDRAKA. Algunhas desas publicacións mesmo foron distinguidas pola Fundação Nacional do Livro Infantil e Juvenil, a sección brasileira da Organización Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (IBBY, nas súas siglas en inglés).

KALANDRAKA BRASIL aspira a converterse nun referente de calidade editorial no mercado brasileiro. A diferenza da práctica totalidade dos álbums ilustrados, que se producen en edición rústica ou tapa branda, os títulos de KALANDRAKA estanse distinguindo pola encadernación en tapa dura ou cartoné, seguindo a liña de perdurabilidade e dignificación do libro infantil e xuvenil que caracteriza o selo galego.

KALANDRAKA BRASIL afonda tamén no proceso de internacionalización da editorial, que xa conta con selos propios en Portugal, Italia e México. Coa súa implantación en Brasil, KALANDRAKA pretende dar a coñecer nese país de economía emerxente o traballo de autores e ilustradores cuxa obra se atopa no seu catálogo. De igual maneira, tamén contribuirá a introducir no mercado occidental aos creadores brasileiros: tanto os que xa contan con publicacións en KALANDRAKA, como Flavio Morais, ilustrador de “Só un segundo”, e André Neves, ilustrador de “Orellas de bolboreta” e “Amelia quere un can”, como outros que se incorporen a curto prazo, caso da narradora Clara Haddad. Ademais, reforzará a imaxe de Galicia no ámbito lusófono, coa publicación en portugués de Brasil, das obras galardoadas co Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado.

Os títulos de KALANDRAKA BRASIL fixeron a súa presentación oficial no marco da 8ª Festa Literária Internacional de Paraty (FLIP), que se celebrou do 4 ao 8 de agosto nesa cidade situada no estado de Río de Janeiro. KALANDRAKA BRASIL tamén participou cun stand propio na 21ª Bienal Internacional do Livro de São Paulo, do 12 ao 22 de agosto. Nesta feira especializada, a segunda máis importante de América, contou coa presenza de 350 expositores de todo o mundo, máis de 900 selos editoriais, e sumou máis de 700.000 visitantes.

* FEIRA INTERNACIONAL DO LIBRO LIBER (BARCELONA, 29/9 – 1/10)

Os Libros para Soñar de KALANDRAKA participaron na 28º Feira Internacional do Libro Liber, que se celebrou do 29 de outubro ao 1 de outubro en Barcelona. Neste encontro reuníanse máis de 700 editoriais e empresas dunha vintena de países: distribuidores, axentes, libreiros, bibliotecarios e especialistas do eido editorial, comercial ou docente, reunidos en torno ao libro e á lectura. Na presente edición, Porto Rico foi o país invitado. Ademais de contar con stand propio, os títulos de KALANDRAKA tamén se expoñían en galego no stand da Asociación Galega de Editores, en castelán no stand da Asociación de Editores de Andalucía, en catalán -en coedición con Hipòtesi- e mais en éuscaro -en coedición con Pamiela- nos stands do Gremio de Editores de Cataluña e do Gremio de Editores de Euskadi.

* FEIRA INTERNACIONAL DO LIBRO DE FRANKFURT (1-10 NOVEMBRO)

O stand de KALANDRAKA na 62ª Feira Internacional do Libro de Frankfurt acolleu as citas dunha axenda repleta de encontros con editores, axentes e distribuidores, autores, ilustradores e tradutores, libreiros, bibliotecarios e docentes. Durante eses días, a cidade alemá foi o eixe editorial do mundo: nela “cociñouse” moita da oferta literaria e gráfica que se poderá ler nos vindeiros 2011 e 2012. KALANDRAKA participou activamente neste escaparate global amosando o froito dun ano de traballo, proxectando internacionalmente os creadores que confiaron neste selo para publicar as súas obras.

Á Feira Internacional do Libro de Frankfurt leváronse os primeiros exemplares -recén saídos do prelo- do libro galardoado co III Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, “A familia C”, cuxas ilustracións -de Mariona Cabassa- foron a imaxe de KALANDRAKA nesta edición da Feira. E canda este título, tamén se expuso a obra finalista do certame, “Bailar nas nubes”, de Vanina Starkoff. Tampouco faltaron as novidades de FAKTORÍA K nos caixóns de libro infantil, banda deseñada e ciencias.

Arxentina foi o país invitado, polo que os creadores dese país teñen un protagonismo especial nos andeis do stand de KALANDRAKA: Natalia Colombo (“Cerca”, I Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado), Silvio Freytes (“Só un segundo”, Premio Daniel Gil 2007), Pablo Prestifilippo (“Manual de calcetíns salvaxes”, “Instrucións para espertar a unha cadeira durmida”), Pablo Bernasconi (“O zoo de Xoquín”, “27 historias para tomar a sopa”), Jorge Luján (“Oh, as cores!”), Rebeca Luciani (“O sorriso de Daniela”, distinguido no The White Ravens 2008, e “A nube de Martín”, finalista do I Premio Internacional Compostela)…

* FEIRA INTERNACIONAL DO LIBRO DE GUADALAJARA, MÉXICO (29/11 – 01/12)

Do 27 de novembro ao 5 de decembro, KALANDRAKA -a través do seu selo mexicano Libros para Soñar- partipará na 24º Feira Internacional do Libro de Guadalajara, na que Castela-León é a cultura invitada. Polo seu stand pasarán un ano máis editores, distribuidores, especialistas en Literatura Infantil e Xuvenil, autores e ilustradores. Os libros do seu catálogo tamén estarán á disposición dos visitantes na sección FIL Niños, especialmente os de creadores mexinanos: Felipe Ugalde (“Un gran soño”), Gabriel Pacheco (“O poliño da abeleira”, “Os catro amigos”), Álvaro Ross (“E ti que prefires?”).


Deja un comentario