Noah Barleywater escapa da casa” é o último traballo de John Boyne, autor do bestseller “O neno do pixama a raias” e da novela “Motín na Bounty”. Os tres títulos están publicados no selo FAKTORÍA K, que esta tarde ás 19:30 horas organiza un faladoiro na 40ª Feira do Libro da Coruña sobre a obra máis recente deste escritor irlandés. O tradutor de “Noah Barleywater escapa da casa”, Carlos Acevedo, vai protagonizar un faladoiro aberto ao público no que se abordará a traxectoria e o estilo narrativo de Boyne, con especial énfase neste libro, que marca un punto de inflexión na produción literaria do autor, ao tratarse da súa primeira novela non histórica. O propio John Boyne describiuna como un “conto de fadas”, que destaca pola tenrura do relato, sobre un neno de oito anos que foxe do seu fogar e chega á tenda dun vello artesán que elabora bonecos de madeira, e ao que lle confía as súas dúbidas e inquedanzas infantís, xurdindo entre eles unha relación entrañable de amizade, compañía e comprensión mutuas, que mestura a experiencia do ancián coa inmadurez do cativo.

Coa publicación de “Noah Barleywater escapa da casa”, unha novela dirixida tanto a público xuvenil como a lectores adultos, FAKTORÍA K adiántase á saída ao mercado desta novela en castelán, invertindo a tendencia habitual pola cal as edicións en galego veñen sendo posteriores ao lanzamento en español dos libros de autores de trascendencia internacional. Outro aliciente deste libro son as ilustracións do autor e deseñador irlandés Oliver Jeffers, que enfatizan a calidez e a maxia do texto, enriquecido tamén dende o punto de vista descritivo.

Licenciado en Tradución e Interpretación, e mais en Filoloxía Galega, Carlos Acevedo é tradutor profesional dende hai anos, especializando o seu traballo en inglés, portugués e italiano. Ademais de John Boyne, tamén traduciu ao galego a obra de autores senlleiros como Milena Agus, Alessandro Baricco, Dan Brown ou J.K. Rowling.

Reseñas de “Noah Barleywater escapa da casa” nos blogs literarios:

-‘Caderno da crítica‘, de Ramón Nicolás.

-‘Libros, cine e televisión‘, de Juan Romero.

“Noah Barleywater escapa da casa” é un dos títulos destacados na caseta 36, de KALANDRAKA, pola que estes días pasaron o autor Carlos López e o ilustrador David Pintor. Pinto&Chinto participaron na 40ª Feira do Libro da Coruña asinando exemplares das súas obras.

A próxima actividade é a presentación do álbum ilustrado “O Señor Don Nicanor” (FAKTORÍA K), coa súa autora, Ana Fernández-Abascal: sábado 6 ás 18:30 horas.

 


Deja un comentario