A Feira do Libro da Coruña acollerá esta tarde de sábado, a partir das 18:30 horas, a presentación do libro infantil “O Señor Don Nicanor”, editado por FAKTORÍA K, coa presenza da súa autora, Ana Fernández-Abascal. O acto completarase cunha sesión de contacontos para público familiar, amenizada pola narradora Ana Abelenda. Trátase dunha das novidades estivais que presenta este selo editorial de KALANDRAKA, xunto con “Artur”, un texto do escritor Xosé Manuel González ‘Oli’ ilustrado por Marc Taeger, que se presentará este luns día 8 a partir das 19:00 horas.

Tanto “O Señor Don Nicanor” como “Artur” son libros de cartón, cos cantos redondeados, especialmente recomendados para pre-lectores e primeiros lectores. A obra de Ana Fernández-Abascal é un relato rimado, de estrutura circular e historias encadeadas, que basea o seu atractivo na repetición de palabras e situacións. Tamén destaca polas ilustracións planas, esquemáticas e chamativas de Flavio Morais, que lle confiren unha estética “pop” baseada na cultura iconográfica.

Ana Fernández-Abascal (Cantabria, 1950) foi mestra en diversas escolas galegas e impulsora dun método de lecto-escritura para nenos e nenas que foi pioneiro no ámbito do ensino. “O Señor Don Nicanor”, publicado en galego, castelán, portugués e inglés, baséase nun libro propio de feitura artesanal que lles contaba antigamente aos seus alumnos, e no que contrapón o maior valor da lectura fronte á crecente incidencia dos medios audiovisuais e das novas tecnoloxías.

Logo destas dúas presentacións, o martes día 9 a partir das 20:30 horas, o escritor Fran Nuño asinará exemplares do poemario “La hora de los relojes“. Esta semana, a Feira do Libro da Coruña tamén acolleu un faladoiro sobre a novela “Noah Barleywater escapa da casa“, protagonizado polo seu tradutor Carlos Acevedo, que analizou a obra do autor irlandés John Boyne e algúns aspectos literarios deste conto de fadas.

“Artur”, publicado en sete linguas -galego, castelán, catalán, euskera, portugués, italiano e inglés- aborda a fraxilidade dos recén nacidos, a través da figura simbólica dun pito: que senten, os seus temores e inseguridades, a percepción do mundo que os rodea. Xosé Manuel González ‘Oli’ (Cangas, 1960) crea un texto tenro e cun alto compoñente sensitivo para evocar o intenso proceso de aprendizaxe dos máis novos e o instinto de protección que suscitan nos adultos. As ilustracións de Marc Taeger (Suiza, 1963) están elaboradas a base de trazos grosos e figuras elementales destacan sobre un fondo branco para facilitar a súa identificación e comprensión.

É o primeiro libro do autor no selo FAKTORÍA K, trala publicación de títulos como “O pirata pata de lata” e “Once damas atrevidas” en KALANDRAKA. Nesta editorial tamén se publicaron outros álbums ilustrados por Marc Taeger: “A verdadeira historia de Carapuchiña”, “Aquiles o puntiño”, “Garabanciño” e “Tic-tac”.

 


Deja un comentario