Nas librarías galegas atópase xa “1984”, unha emblemática novela de George Orwell, xunto con “A granxa dos animais”; ámbalas dúas editadas na colección de narrativa do selo FAKTORÍA K. A obra, traducida por Fernando Moreiras, e cun deseño de portada de Marc Taeger, xa está colleitando os eloxios da crítica.

“…Festexo esta tradución, de impecable factura e da que subliño as posibilidades que se lle poden tirar ao texto final titulado “Os principios da novafala”, porque permite, e permitirá, achegarse con garantías a unha auténtica alfaia da literatura universal, da que case todo xa se ten dito, comezando por adscribila a iso que se ten chamado “distopía” por oposición a “utopía”, é dicir, a descrición dunha sociedade totalitaria, ofegante e sometida ao control dun goberno ditatorial”. Ramón Nicolás, no blog “Caderno da crítica”.

Escrita en 1949, “1984” está considerada como unha das mellores novelas do século XX, e representa unha demoledora crítica contra toda forma de ditadura. Imaxinas unha sociedade na que o goberno che impoña como vestir, que nova lingua falar, como actuar, como pensar? En 1984 esa sociedade existe, chámase Oceanía e comparte o dominio da Terra con outras dúas superpotencias coas que adoita estar en guerra alternativamente: Eurasia e Oriasia. Londres é a principal cidade da Aeropista Un e na súa cerna está instalado o centro do poder do estado totalitario liderado polo Irmán Grande, ser omnisciente que controla a vida social e privada dos cidadáns grazas a un sistema de telepantallas instaladas por todas as partes.

Seguir leyendo


Ata o 10 de agosto, os Xardíns de Méndez Núñez son o epicentro da lectura na cidade da Coruña, coa inauguración da 40ª Feira do Libro. Das 37 librarías e editoriais participantes, KALANDRAKA ocupa a caseta número 36, a carón do posto de información e da carpa na que se celebran as actividades. Nesta edición, pois, os Libros para Soñar atópanse entre os primeiros, comezando o percorrido da feira polo final. Ambientada nas ilustracións de Mariona Cabassa para “A familia C” (III Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado), a caseta de KALANDRAKA ofrécelles aos lectores unha ampla gama de posibilidades para todos os gustos e idades: libros de cartón duro para prelectores, como os da colección “Frederick” ou os novos de produción propia titulados “O Señor Don Nicanor” e “Artur”, que se van presentar o sábado 6 ás 18:30 horas e o luns 8 ás 19:00, respectivamente; clásicos recuperados como “Tío Elefante” de Lobel, “Que fai falta?” de Rodari, ou “Correo para tigre” de Janosh; no xénero da banda deseñada, destacan “Historias de Mestre Raposo 2”, “¡Me aburro!” ou “El señor Top”, para os entusiastas da novena arte; ou as incorporacións recentes no apartado de narrativa de FAKTORÍA K, que este verán propón a lectura de “1984” de George Orwell e “Noah Barleywater escapa da casa”, que se presentará tamén este xoves a partir das 19:30 horas. Feliz agosto, feliz lectura.

Seguir leyendo


Pinto&Chinto achéganse mañá, martes día 2, á 40ª Feira do Libro da Coruña, que xa está aberta ao público nos Xardíns de Méndez Núñez ata o 10 de agosto. A partir das 20:30 horas, asinarán exemplares das súas obras. Os Libros para Soñar de KALANDRAKA atópanse na caseta número 36.

COMPOSTELA“, un caderno de viaxe de David Pintor.

CONTOS PARA NENOS QUE DORMEN DESEGUIDA“, un libro de microrrelatos ilustrados, de Pinto&Chinto, distinguido co Premio Xosé Neira Vilas ao mellor libro infantil de 2010 pola Asociación Galega de Editores, e incluido na prestixiosa selección internacional The White Ravens 2011, pola Biblioteca Internacional da Xuventude de Munich.

HÉRCULES E CRUNIA“, un texto de José Antonio Abad ilustrado por David Pintor.

TITO LONGUEIRÓN“, un cómic infantil de Pinto&Chinto.