O pito “ARTUR” vai ampliando as súas fronteiras na bisbarra do Morrazo e, tras reunirse cos lectores de Cangas, vén de atoparse tamén cos nenos e nenas de Marín na libraría infantil Bule-Bule. O escritor Xosé Manuel González ‘Oli’ e o ilustrador Marc Taeger compartiron con eles a súa experiencia na creación deste personaxe tan entrañable, no que se plasma a fraxilidade da vida e o apaixoante proceso de descubrimento dun mundo enorme que nos produce curiosidade e incertidume.

E porque Artur non é o único animal que nace dun ovo, os rapaces axudaron a Marc a encher as páxinas do seu grande caderno co debuxo doutras criaturas ovíparas: aves, peixes, insectos, anfibios, reptís… mesmo os extintos dinosarios foron xurdindo do trazo dos lapis.

Foi un encontro participativo e divertido que rematou con outro conto: “Once damas atrevidas”, un conto popular rimado, adaptado por Oli, que os nenos e nenas lle axudaron a contar. “Artur”, editado na colección infantil de FAKTORÍA K, habita agora na biblioteca de moitos cativos marinenses que xa coñecen, como el, a agradable sensación de durmir arroupados por un “edredón de plumas”.


One Response to ARTUR EN BULE-BULE

  1. Pingback: Artur en Bule-bule « Os libros de OLI

Deja un comentario