Embaixadores das letras, da música e da cultura vascas, o escritor Jose Angel Irigaray, o cantautor Ruper Ordorika e o intérprete Arkaitz Miner, xunto co editor de Pamiela, Pello Elzaburu, pasaron por Galicia ao abeiro da antoloxía “Alén da fronteira, sete poetas vascos”, editada por FAKTORÍA K coa tradución ao galego de Isaac Xubín. A obra de Luigi Anselmi, Bernardo Atxaga, Jon Gerediaga, Tere Irastortza, Xabier Lete, Xabier Montoia e Joseba Sarrionandia atopou, na colección Tambo, unha canle oportuna para achegarse ao público de Galicia, contribuíndo así a minguar o descoñecemento existente da literatura en éuscaro.

…Porque o camiño á inversa, dende o galego ao éuscaro, xa estaba feito…

Nos anos 60 e 70 o poeta Gabriel Aresti traducira autores emblemáticos como Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Castelao. Seguíralle Koldo Izagirre na década seguinte cunha edición bilingüe galego-éuscaro de “Os Eidos”, de Uxío Novoneyra. Máis recentemente, en 1991, o propio Joseba Sarrionandia publicara a obra “Poemas naufragos. Galegoz heldutako poemak” (Poemas chegados do galego), e ademais achegáralles aos lectores vascos a produción literaria de Celso Emilio Ferreiro, Luis Pimentel e Álvaro Cunqueiro.

O escritor e poeta Jose Angel Irigaray, prologuista de “Alén da fronteira”, arela que este libro lle abra a porta a máis autores vascos, para que se fortaleza a relación literaria e cultural entre Galicia e Euskadi. Dous territorios que souberon construir un pretixioso corpus literario que, dende a tradición, pasou aos libros e, salvando adversidades históricas, chega á actualidade cunha vizosa madurez.

No caso éuscaro, foi o sacerdote Bernard Etxepare quen, no ano 1545, asinou o primeiro libro de poemas nesa lingua: creacións relixiosas e amorosas que enxalzaban a lingua e a cultura vasca. Saíndo das rúas e das prazas, a palabra oral adoptou forma escrita que, durante o periodo 1936-1939, sobreviviu na outra beira do Atlántico grazas ao alento poético de Aresti e doutras figuras como Salbatore Mitxelena.

Ás décadas entre 1940 e 1970 pertencen os autores contemporáneos que, como os incluidos en “Alén da fronteira”, chegaron á primeira liña do prestixio literario. “Os que están, son”, explicou Jose Angel Irigaray nos recitais de presentación desta obra, celebrados na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago e no Museo de Arte Contemporánea de Vigo.

A sabia e precisa presentación de cada autor por parte de Irigaray, máis a voz do coordinador da colección Tambo, Luís Rei Núñez, na lectura dos poemas en galego, aderezadas coa interpretación de Ruper Ordorika e Arkaitz Munir, foron o esquema ideal deste feliz encontro arredor da poesía e da música: o aclamado “Etiopía” de Bernardo Atxaga, que foi acertadamente musicado por Ordorika; a dramaturxia na obra de Jon Gerediaga; a poesía depurada e exenta de artificios de Tere Irastortza; a pegada lírica de Xabier Lete, impregnada de dor existencial, nihilismo e espiritualidade ao longo da súa traxectoria literaria; a autoironía e o sentido do humor nos textos de Luigi Anselmi, tan influenciados pola poética inglesa, e que transportan o lector aos baixos fondos da cidade de Bilbao; o caracter rupturista de Xabier Montoia, debedor da cultura rock e punk; e a achega de Joseba Sarrionandia, autor culto e nómada, denso e prolífico, cuxos textos tamén foron convertidos en cancións por Ruper Ordorika.

Animando o achegamento entre as letras vascas e as letras galegas, Jose Angel Irigaray invocaba un dos versos escritos a finais do século XII por João Soares de Paiva na primeira obra conservada da literatura galaico-portuguesa: “Agora faz isso o senhor de Navarra…”. Unha relación máis fluída que pode continuar na colaboración entre Universidades, editoriais, autores e promotores culturais, seguindo o ronsel de “Alén da fronteira” e da colección Tambo.

 


Deja un comentario