Existe un xornal que non sementa a preocupación e o desalento dende a súa primeira plana ata a contraportada con noticias que teñen que ver coa situación da economía, ou cos conflictos internacionais; que non se axusta a ningunha ideoloxía nin dogmatiza dende as súas páxinas de opinión; un xornal que, a diferenza da maioría, non pasa de refilón pola sección de cultura e que lle adica a práctica totalidade do seu espazo á participación dos lectores. Ese xornal nace nos colexios de Pontevedra e chámase O Cartafol do Lérez. A quinta entrega desta publicación escolar xa está na rúa, coincidindo co remate do curso académico.

Na cabeceira presenta unha escolma de textos baseados nas historias do libro “Contos por teléfono“, unha das obras mestras do mestre e pedagogo italiano Gianni Rodari. Tamén destacan os relatos inspirados no álbum “Cans de ribeira“, de Katja Gehrmann, que reflicten a sensibilidade infantil pola situación dos animais abandonados. Nesa liña de compromiso social e ambiental, as coplas do libro-disco “Solaina“, do grupo Na Virada, son o exemplo do que partiron os nenos e nenas para crear as súas propias rimas reivindicativas.

No bosque onde transcorren as aventuras dos protagonistas do clásico “As clases de tuba” suceden tamén outras andanzas das que é partícipe a fauna silvestre. Do obradoiro de titulares de prensa xurdiron novas do máis abraiante, imposibles de publicarse nun xornal convencional. As pezas incluidas no libro “Descubrir a arte“, no que se describen obxectos artísticos procedentes de distintos países, dende as máscaras indíxenas de Latinoamérica, ata os rolos africanos, pasando polas antiquísimas esculturas da civilización greco-latina ou as elegantes pinturas orientais, tamén depararon interesantes historias coas que viaxar por todo o mundo e a través do tempo. Describir animais imaxinarios xogando coas letras do alfabeto é outra das posibilidades de lectura, do Cartafol do Lérez, onde tampouco faltan os pasatempos, relacionados -sun xeito lúdico e didáctico- co libro “Todas as respostas ás preguntas que nunca te fixeches“.

Outra das seccións máis salientables desta publicación está adicada á presentación das bibliotecas escolares dos diferentes centros. E para rematar, unhas suxerencias de lectura, e unha entrevista protagonizada, nesta ocasión, pola Asociación Vaipolorío, en recoñecemento ao seu labor de recuperación ambiental e de conservación do Río dos Gafos.

…Ameno e diverso nos seus contidos: o número 0 impactaba pola orixinalidade dos textos que teorizaban sobre unha hipotética fuga de cores que tinguían as prazas, os xardíns e os edificios da cidade. O número 1 volvía sorprender ao poñer en valor elementos do patrimonio arquitectónico e cultural, convertidos en figuras de vocación literaria. Cunha proposta máis audaz e divertida saía do prelo o número 2, no que os obxectos cotiás se convertían en curiosas especies dunha fauna urbana tan viva como revoltosa. O número 3 asomábase aos fondos artísticos do Museo de Pontevedra, reinterpretando o significado da obra de artistas plásticos de tanto renome como Maside, Novoa ou Castelao.

Ás páxinas d’O Cartafol do Lérez asomáronse escritores, ilustradores e intérpretes relacionados cos libros nos que se basean as propostas de escrita nas que traballaron os escolares dos centros educativos que participaron na campaña: Chema Heras, autor de “Avós“, compartiu a súa experiencia no proceso de creación literaria desta obra tan importante no catálogo de Kalandraka; o ilustrador Xosé Cobas, unha das figuras máis relevantes do actual panorama artístico en Galicia, repasou a súa traxectoria profesional; o músico Francisco Peña explicou como naceron as coplas sociais que forman parte do repertorio do grupo Na Virada.

Os ríos de tinta verquidos n’O Cartafol do Lérez son o resultado de ducias de horas de traballo colectivo e entusiasta nas bibliotecas escolares, reivindicadas como espazo de máxima prioridade na actividade dos centros educativos: non só para o préstamo de libros e a lectura individual ou colectiva, senón tamén como polo dinamizador da actividade académica. Bebendo das fontes da tradición oral -refráns, lendas, cantigas…- en hábil complemento cunha serie de libros tanto de ficción como de enfoque didáctico, os obradoiros nos que participaron os escolares tiñan como obxectivo estimular a súa imaxinación, ao tempo que se fomentaba a expresión oral e escrita en galego.

Todos os centros tiveron unha presenza equilibrada, recolléronse case ao completo as creacións do alumnado que posteriormente se clasificaron para dar o salto á versión impresa e á versión dixital na web www.ocartafoldolerez.org. Só cabe agradecer ao profesorado a súa implicación nas actividades e parabenizar o alumnado polas súa brillante participación. O Cartafol do Lérez, unha iniciativa da Concellería de Educación do Concello de Pontevedra coordinada por Kalandraka, consolidouse neste tempo como unha contribución proveitosa e enriquecedora para toda a comunidade educativa da cidade, un referente na integración de contidos e obxectivos curriculares, e nunha experiencia moi gratificante.


Relación de centros educativos participantes na campaña: CEP Marcos da Portela – CEIP Vilaverde – CEIP San Martiño – CEIP Marcón – CEIP Vidal Portela – CEIP Lérez – CEIP Froebel – CEIP de Xeve – CEIP Cabanas – CEIP Álvarez Limeses.

Web d’O Cartafol do Lérez: www.ocartafoldolerez.org


Deja un comentario