Patricia González e Álex Fente, do equipo de animación á lectura de KALANDRAKA, na sesión de contos e música celebrada no Centro Cultural da Senra con escolares do CRA de Bergondo.

 

Uns 8.000 nenos e nenas de Educación Infantil e 1º ciclo de Educación Primaria de toda Galicia van participar nas sesións de contos e música que conforman a Campaña de Animación á Lectura coa que Kalandraka vai percorrer uns 200 centros educativos. A campaña, que chega á súa 14ª edición, estará en marcha ata finais de curso e, durante este periodo, é susceptible de incorporar máis colexios interesados en ofertarlle esta actividade lúdica e formativa ao seu alumnado.

Os contos tradicionais, os relatos de autor e os clásicos contemporáneos da Literatura Infantil e Xuvenil seguen ocupando o repertorio das sesións. Nesta nova campaña, a adaptación do conto tradicional “A galiña roxa”, de Pilar Martínez e Marco Somà; o clásico “Críctor” de Tomi Ungerer; e historias como “Imos cazar un oso”, de Michael Rosen e Helen Oxenbury, son algunhas propostas a partir das cales os nenos participan tanto nas narracións como cantando os retrousos das cancións que amenizan os contos.

Nesta ocasión, o conto “Os petos de Loreto”, de Quentin Blake, é o fío condutor da sesión, a partir da cal vanse fiando as demais historias, que adquiren unha maior vistosidade ao utilizar elementos decorativos relacionados cos libros. As melodías, compostas especialmente para cada relato, interprétanse con instrumentos tradicionais e artiluxios musicais procedentes doutras culturas; deste xeito contribúese tamén a reforzar a educación musical do alumnado.

Todos moi atentos ao conto A galiña roxa coa que comeza a sesión, porque hai que seguir o comportamento dos animais da granxa.

…Que máis contos sairán d’Os petos de Loreto?

 

As campañas de animación á lectura xurdiron como unha iniciativa propia de KALANDRAKA, completando así o labor editorial en galego iniciado en abril de 1998. Estas actividades convertéronse pronto nun dos piares identitarios de KALANDRAKA, contribuíndo paralelamente á normalización da lingua dende as primeiras idades.

O protagonismo das sesións de contos e música céntrase no libro como ferramenta de aprendizaxe e transmisión da cultura. Outro dos obxectivos da campaña é poñer en valor as bibliotecas escolares como espazos para o encontro arredor da palabra e da oralidade, enlazando o público infantil e os libros, coa música como elemento dinamizador.

No abrigo de Loreto atopamos o conto de Críctor, unha serpe moi especial que agarda no interior dun baúl para escoitar cos nenos a súa emocionante historia.

E rematado o conto, Críctor volve ao seu acubillo.


Con música tradicional e aplausos, Patricia e Álex despídense dos escolares do CRA de Bergondo. O profesorado colleitou moitas estratexias para seguir fomentando a lectura nas aulas a partir dos Libros para Soñar de KALANDRAKA.


Deja un comentario