O escritor Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932) vén de gañar o Premio da Crítica Española, que se fallou esta mañá en Ponferrada, polo poemario “Os ángulos da brasa”, editado na colección Tambo de FAKTORÍA K, un selo editorial de KALANDRAKA. É a segunda vez que Manuel Álvarez Torneiro recibe este galardón na modalidade de poesía en galego, que xa lle fora concedido en 1999 pola obra “Luz de facer memoria”.

“Os ángulos da brasa” tamén foi o libro distinguido o pasado mes de marzo co Premio Ánxel Casal ao libro de Poesía 2012 pola Asociación Galega de Editores.

Consta de 67 composicións divididas en tres seccións –Trama de vida, Terreal e sagrado, e Tapiz de cinsa– nas que Manuel Álvarez Torneiro reflexiona sobre a cotidianeidade, debulla emocións íntimas e pensamentos existenciais, xogando coa dimensión simbólica da palabra.

Os Premios da Crítica Española que concede a Asociación Española de Críticos Literarios seleccionan os mellores libros de narrativa e poesía en galego, castelán, catalán e éuscaro publicados no ano anterior. Teñen carácter honorífico e carecen de dotación económica, se ben gozan dun enorme prestixio en España e Latinoamérica. Nesta 57ª edición optaban ao galardón un total de 47 poemarios e 42 novelas.

O xurado estivo formado por 21 críticos dos principais medios a nivel estatal, universidades e entidades culturais, entre os que figura o galego Xosé Manuel Eyré, que no seu blogue ‘Ferradura en tránsito’ destacou o seguinte sobre “Os ángulos da brasa”:

“…É un poemario extraordinario, un poemario que logra ser emotivo sen deixar de ser reflexivo, unha ollada sobre a vida desde a altura dos anos e da experiencia, sobre a vida e o ser humano. Un poemario que reconciliará coa poesía a todos aqueles que estean un pouco saturados das formas e contidos da poesía máis vangardista e anovadora, porque esta poesía, como a de sempre, perfectamente medida, calculada, con cada cousa no seu sitio para que a discursividade sexa natural, deixa lugar unha expresividade que non procura o epatante, nunca hai lugar para artificio senón o sentir e a reflexión”.

Manuel Álvarez Torneiro traballou durante moitos anos como xornalista para o diario La Voz de Galicia. Con 50 anos publicou o seu primeiro libro de poesía, “Memoria dun silencio”. Dende entón a súa traxectoria literaria suma outros sete títulos, polos que obtivo o Premio Esquío (1995) e o Premio González Garcés (1999), e foi finalista do Premio Nacional de Poesía (2003).


One Response to ‘OS ÁNGULOS DA BRASA’, PREMIO DA CRÍTICA ESPAÑOLA

  1. Pingback: Kalandraka - Blog K

Deja un comentario