“Una bandada de contos” é o lema da XIII Campaña Municipal de Animación á Lectura do Concello de Santiago que organizan o Departamento de Educación e Kalandraka. Ata o 25 de maio, a Galería Sargadelos ficará convertida nun pequeno museo de ilustracións, instalacións artísticas e libros no que se van realizar sesións de contos e música, obradoiros de escrita e de plástica creativa para escolares, actividades para público familiar, contacontos especiais para bebés e xornadas formativas para o profesorado. Uns 4.500 alumnos e alumnas dos centros educativos de Santiago participarán na programación.

Os nenos e nenas de Educación Infantil e primeiro ciclo de Primaria son recibidos pola narradora Patricia González e polo músico Álex Fente, que os van guiando a través dunha exposición chea de colorido polos espazos especialmente ambientados para cada conto.

O percorrido comeza con “Bandada”, a obra coa que os mexicanos Julia Díaz e David Álvarez gañaron o V Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. O ilustrador británico Anthony Browne é o autor de “No bosque”, outro dos relatos do repertorio, que precede a “Niños”, dos arxentinos Pepe Márquez e Natalia Colombo. Entre un e outro, os nenos cruzan unha arboreda de contos na que se mesturan os elementos protagonistas de cada historia.

Na recta final da visita, os escolares sitúanse ante un escenario ambientado no conto “A galiña vermella”, a partir das ilustracións do italiano Marco Somà. E para render homenaxe á obra “Cantares gallegos” no 150 aniversario da súa publicación, a visita remata nunha sala na que o alumnado achégase visualmente á figura de Rosalía de Castro, a través dunha proxección de imaxes da súa vida e dunha selección de ilustracións da artista plástica Belén Padrón para o poemario “Rosalía de Castro, escolma poética”, publicado na colección Trece Lúas de Faktoría K.

Con esta dinámica, os máis cativos non só se achegan aos libros a través da expresión oral e da música, senón que tamén desenvolven a sensibilidade estética ao achegarse a obras e estilos de diferentes artistas plásticos de Europa e de América.

Nesta véspera do Día do Libro tamén quedaron inaugurados os obradoiros de ilustración que imparte Pablo Otero para nenos e nenas de segundo ciclo de Educación Primaria, e os obradoiros de escrita creativa dirixidos a rapaces e rapazas de terceiro ciclo de Primaria que imparte Alberto Barreiro a partir dos textos de Rosalía de Castro.

Entre o 2 e o 4 de maio tamén se realizarán actividades especiais nas escolas infantís de Conxo, Fontiñas, do Polígono do Tambre, Salgueiriños, San Roque e Trasparlamento.

A XIII Campaña de Animación á Lectura do Concello de Santiago continuará mañá martes, ás 18:30 horas, cunha sesión de presentación para o profesorado dos centros de ensino que participan nas actividades. Os educadores tamén están convocados a un encontro coa escritora chilena María José Ferrada para comentar a curtametraxe “La estrella alcanzar” das bibliotecas escolares CRA de Chile.

Ademais das actividades concertadas cos centros educativos e mais co profesorado, o programa completarase con propostas abertas ao público: o 4 de maio ás 12h, sesión de contos e música para familias; e o 13 de maio ás 11:30h e ás 12:30h, sesión de contacontos para bebés.

“Una bandada de contos” rematará o 25 de maio ás 12h cunha sesión especial de contacontos amenizada pola Escola Municipal de Música. Ata entón, a exposición de ilustracións, libros e instalacións artísticas poderase visitar na Galería Sargadelos en horario comercial.


Deja un comentario