BIBLIOTECAS & BIBLIOTECARIOS, FELIZ DÍA!

O salón de actos da Biblioteca Pública de Pontevedra acollerá este sábado 26 de outubro, a partir das 12:00 horas, a presentación do libro-disco “Pan de millo“, con María Campos e Carlos Yus, de Migallas Teatro. Con eles, tamén participarán o ilustrador Dani Padrón e os responsables da produción musical, Magoia Bodega e Paulo Nogueira.

Os nenos e nenas da Escola Infantil de Verducido participaron recentemente nunha sesión de aprendizaxe ao aire libre, a carón do muíño de Porto Vello, para achegarse á cultura tradicional da man de Migallas Teatro, que interpretou cancións de “Pan de millo”.

María Campos e Carlos Yus recibiron os escolares no propio muíño ao ritmo do tema musical que lle dá nome a este novo traballo e presentáronlle ao muiñeiro, José Poceiro, que lles explicou aos rapaces o funcionamento desta antiga construcción e os costumes de antano sobre as quendas de moenda. Entre canción e canción tamén coñeceron a Pilar Torres, experta na arte de facer empanadas e pan coa fariña que se fai neste muíño de forma artesanal.

E logo de compartir experiencias e testemuños de cando a veciñanza de Bordel e Verducido se organizaba colectivamente, sen teléfonos móbiles nin outras comodidades que aos nenos lles causou sorpresa, o muiñeiro fíxolles unha demostración práctica moendo millo coa forza da auga do río Rexedoiro.

Mentres, no exterior do muíño, organizáronse -coa colaboración das mestras e de varios pais e nais que asistiron- varias actividades e xogos populares en torno a un espantallo: debullar espigas, peneirar fariña, encestar carozos e facer carreiras de relevos con pequenos sacos de millo. A xornada rematou cunha merenda a base de pan de millo e chocolate, e con máis cancións de Migallas Teatro.

Este encontro foi a continuación dunha sesión realizada anteriormente por María Campos e Carlos Yus na Escola Infantil de Verducido, na que os nenos tamén esfollaron espigas, debullaron millo e xogaron a facer castelos de carozos. Estas actividades serviron tamén como homenaxe ao noso agro, á escola rural, e á memoria dos avós e avoas.


Deja un comentario