O Premio Xoán Manuel Pintos que convocan o Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua vén recoñecer a traxectoria de KALANDRAKA a prol do idioma e de distinguir a campaña ‘Gústame o galego’, impulsada dende a Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística (CTNL).

“…Porque desde a súa fundación une a lingua galega a produtos excelentes escritos e ilustrados por profesionais de Galicia; mais tamén traduce á lingua galega o traballo dos mellores creadores e creadoras estranxeiros. Kalandraka mantén un compromiso coa lingua tan forte que supera o ámbito empresarial e traspasa as fronteiras galegas. O xurado valorou, ademais, que os produtos da editorial chegan directamente ás familias, facendo normal que o galego sexa a lingua da imaxinación, da fantasía, dos soños e da descuberta do mundo para as lectoras e os lectores máis pequenos. Alén do labor editorial, Kalandraka fomenta a animación á lectura, a creatividade e a escrita colaborando con centros de ensino, entidades e asociacións de Pontevedra”.

O xurado do Premio Xoán Manuel Pintos 2013 xustificou así a concesión deste galardón a KALANDRAKA. Malia o paradóxico dunha convocatoria que distingue a promoción da lingua natural dun país, o director da editorial, Xosé Ballesteros, reivindicou con versos de Celso Emilio Ferreiro a importancia do galego como vehículo de expresión en todos os niveis.

“Lingua proletaria do meu pobo,

eu fáloa porque sí, porque me gosta,

porque me peta e quero e dame a gana;

porque me sai de dentro, alá do fondo

dunha tristura aceda que me abrangue

ao ver tantos patufos desleigados,

pequenos mequetrefes sin raíces

que ao pór a garabata xa non saben

afirmarse no amor dos devanceiros…”

[Fragmento de Deitado fronte ao mar…: “Celso Emilio Ferreiro, escolma poética”, ilustrado por Baldo Ramos (Faktoría K)]

A nivel institucional, asistiron o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, e o concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, que abriu o acto. A voceira do xurado, María Luísa Vázquez, leu a acta coa exposición de méritos que reúnen os galardoados.

O presidente da CNTL, Nel Vidal, explicou que a campaña ‘Gústame o galego’, que se estreou na pasada edición de Culturgal, contou coa participación de máis de 6.000 persoas. Ao longo do último ano, os seus promotores visitaron máis de 70 puntos da xeografía galega sumando o apoio da cidadanía a esta iniciativa que tivo unha gran proxección a través de Internet e das redes sociais, visibilizando a presenza da lingua nos ámbitos máis diversos da vida cotiá.

O grupo pontevedrés de jazz contemporáneo Pi Graos amenizou este acto, celebrado nun espacio tan singular para a historia da cidade como o Centro de Interpretación das Torres Arzobispais.


Deja un comentario