João Vaz de Carvalho - José Antonio Abad

“…Estamos no universo das sensibilidades”. Con esta frase do ilustrador João Vaz de Carvalho principiaba a charla formativa co lema “Ilustrar a música” que o ilustrador portugués e o autor José Antonio Abad impartiron na Galería Sargadelos de Santiago, no inicio da XIV Campaña de Animación á Lectura. Porque do que se trata é de que os nenos se acheguen á música “de forma didáctica, que a vivan e a entendan”, engadiu o autor dos textos de “As catro estacións: Vivaldi” e “O carnaval dos animas: Saint-Saëns”.

Neste encontro co profesorado dos centros educativos de Compostela inscritos na Campaña, José Antonio Abad explicou os alicerces da colección de Música Clásica, partindo da súa ampla experiencia no tempo no que estivo á fronte do departamento de Divulgación da Música na Orquestra Sinfónica de Galicia, organizando actividades para máis de 100.000 escolares. No amplo abano de propostas editoriais ligadas á música, estes títulos diferéncianse dos demais en que “conto e ilustración están ao servizo de músicas programáticas”.

Dunha banda, o conto “axuda os nenos a ser felices, lévaos ao mundo da fantasía e transmítelles valores necesarios que os acompañarán ao longo da vida”. Coa música como complemento, o obxectivo de cada obra é que o público “goce dela porque chegou a entendela”, partindo da premisa de que “escoitar sen comprender, é aburrido” para os nenos.

José Antonio Abad tamén falou da importancia de vencellar os pais e familiares na lectura destes libros para favorecer o que cualificou como “afectividade auditiva”, o feito de escoitar con afecto, de xeito que entre o conto e a música se xere unha sensibilidade, como a que destacaba Joao Vaz de Carvalho no inicio do encontro.

Con “As catro estacións” e “O carnaval dos animais” tamén se pretende “formar un público máis crítico”, con capacidade para “aprender a seleccionar”. Nunha idade especialmente importante, entre os 5 e os 9 anos, para “espertar a sensibilidade sensorial”, esta colección contribúe a “aprender a valorar a linguaxe universal da música”.

En preparación atópanse “O bolero de Ravel”, co acompañamento artístico do Premio Nacional de Ilustración Javier Zabala, e “Cadros para una exposición”, con música de Modest Mussorgsky, ilustrado por Xosé Cobas.

João Vaz de Carvalho - José Antonio Abad


0 Responses to JOAO VAZ DE CARVALHO & JOSÉ ANTONIO ABAD: ILUSTRANDO MÚSICA

  1. Pingback: “O Carnaval dos animais” e a afectividade auditiva | InnovArte Educación Infantil

  2. Pingback: “El Carnaval de los animales” y la afectividad auditiva | InnovArte Educación Infantil Español

Deja un comentario