"...Outro conto, mamá": XIV Campaña de Animación á Lectura de Santiago.

Na véspera do Día do Libro, a XIV Campaña Municipal de Animación á Lectura que organizan o Departamento de Educación e KALANDRAKA comezará mañá martes, a partir das 11:00 horas na Galería Sargadelos de Santiago, con sesións de contacontos e música para escolares de Educación Infantil e 1º ciclo de Primaria, así como obradoiros de ilustración e de escrita creativa para o alumnado de 2º e 3º ciclo, respectivamente. O lema desta nova edición, “…Outro conto, mamá”, alude ao álbum ilustrado titulado “Mamá”, co que a arxentina Mariana Ruiz Johnson gañou en 2013 o Premio Internacional Compostela, que lle foi publicado en sete idiomas. As actividades prolongaranse ata o 31 de maio.

Trala estrea das actividades na xornada matinal, será o turno do profesorado pertencente aos centros educativos inscritos na Campaña que, a partir das 18:30 horas, asistirán á presentación da programación: os docentes participarán na sesión de contacontos deseñada para os nenos e nenas, percorrerán as salas nas que se atopa a exposición de ilustracións e instalacións artísticas e recibirán orientación sobre as claves desta XIV Campaña de Animación á Lectura dende o punto de vista educativo e práctico, para continuar nas aulas as propostas de traballo e de aprendizaxe.

É a segunda convocatoria á que asistirán os mestres e mestras no marco desta XIV Campaña, despois do recente encontro co ilustrador portugués João Vaz de Carvalho e co autor José Antonio Abad, sobre como “Ilustrar a música”. Nesa sesión formativa explicáronse os alicerces da colección que conforman os libro-discos “As catro estacións: Vivaldi” e “O carnaval dos animais: Saint-Saëns”, este último ilustrado polo artista luso, cuxos orixinais permanecerán expostos ao longo da Campaña.

Logo da xornada inaugural de mañá, as sesións de contacontos e música realizaranse diariamente ata o 30 de maio en horarios de 10:00, 11:00 e 12:00 horas na Galería Sargadelos. Estas actividades de animación á lectura complétanse con visitas guiadas á exposición de ilustracións e de elementos artísticos relacionados cos libros que configuran o repertorio literario e narrativo.

En canto aos obradoiros de escrita creativa “Historias para rir” que impartirá Alberto Barreiro, continuarán o 8, 13 e 20 de maio. Seguiranlle os talleres de ilustración “ABC diario” que dirixirá o artista plástico galego Pablo Otero, os días 26, 27 e 28 de maio.

A maiores, entre o 2 e o 6 de maio, o equipo de animación á lectura de KALANDRAKA visitará as escolas infantís de Conxo, As Fontiñas, San Roque, Polígono do Tambre, Trasparlamento e Salgueiriños para realizar actividades específicas enfocadas aos pre-lectores.

"...Outro conto, mamá": XIV Campaña de Animación á Lectura de Santiago.

"...Outro conto, mamá": XIV Campaña de Animación á Lectura de Santiago.

ACTIVIDADES ABERTAS AO PÚBLICO

Ademais das sesións concertadas cos centros de ensino, a XIV Campaña de Animación á Lectura tamén se abre á participación da cidadanía, tanto no que respecta á visita da exposición de ilustracións instalada na Galería Sargadelos, como á asistencia -de balde- a sesións de contacontos para público familiar.

A primera, dirixida a bebés de 0 a 3 anos, programouse para o 10 de maio en dúas quendas: 11:30 e 12:30 horas, previa inscrición. Consistirá nun selecto repertorio de contos, cantos, rimas e ditos tradicionais arredor dos títulos que compoñen a colección “Do berce á lúa”, publicada por KALANDRAKA.

Seguiralle unha sesión co lema “Todos os nenos soñan: nanas do mundo”, o vindeiro 24 de maio ás 12:30 e ás 13:00 horas. Nesta actividade farase unha lectura dramatizada do álbum ilustrado “Mamá”, de Mariana Ruiz Johnson, co acompañamento especial dun grupo de música tradicional da Escola Municipal de Música de Santiago, que interpretará una selección de arrolos típicos doutros países.

Finalmente, a XIV Campaña de Animación á Lectura vaise clausurar o 31 de maio ás 12:00 horas coa actuación do artista Paco Nogueiras, que presentará -cun concerto aberto ao público- o seu primeiro traballo discográfico para nenos e nenas: “Brica vai!” é un libro-cd-dvd que publicará proximamente KALANDRAKA.

[Descarga o programa de actividades (PDF): …OUTRO CONTO, MAMÁ]


Deja un comentario