Bernardo Atxaga [© Basso Cannarsa]

O escritor Bernardo Atxaga chega esta semana a Pontevedra para recoller, o sábado 3 ás 20:00 horas no Teatro Principal, o título de Escritor Galego Universal que lle outorga o Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Na véspera desa Gala das Letras, o autor vasco impartirá unha conferencia ás 20:00 horas no Pazo de Mugártegui, titulada “Reaccións ante unha pedra riscada”. Canda el participarán o profesor, crítico literario e tradutor da obra de Atxaga ao galego, Ramón Nicolás, a secretaria xeral da AELG, Mercedes Queixas, e a concelleira de Cultura en Pontevedra, Anxos Riveiro.

O compromiso de Bernardo Atxaga “coas causas da dignidade e en concreto do pobo vasco”. A súa obra “extensa e intensa, valorada tanto en Euskal Herría como nos máis diversos idiomas aos que foi traducida”. A súa aposta polo éuscaro como “ferramenta de expresión da cultural de Euskal Herría”, situándoa como elemento de “centralidade” da súa produción literaria.

Son algúns motivos polos que a AELG distingue a Atxaga, “un dos escritores en activo máis recoñecido das letras en éuscaro”, creador de numerosos contos, novelas, poemas e ensaios. Ca súa designación como Escritor Galego Universal, o seu nome súmase aos de Mahmoud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro e Lídia Jorge, que xa contan con este recoñecemento.

Conferencia de Bernardo Atxagaen Pontevedra: 2 de maio, 20:00 horas, Pazo de Mugártegui.

Bernardo Atxaga (Asteasu, Guipúzcoa, 1951) é licenciado en Ciencias Económicas e tamén en Filosofía e Letras. A súa produción literaria está escrita integramente en eúscaro e dende 2006 pertence á Real Academia da Lingua Éuscara-Euskaltzaindia. Entre as súas obras máis importantes destacan o libro de poemas “Etiopía” (1972), “Chuck Aranberri dentista baten etxean” (1982), “Poemas & Híbridos (1993) e “O fillo do acordeonista” (2003), co que recibiu o Premio da Crítica, entre outros galardóns, como o Donostia Hiria, o Premio Euskadi de Literatura ou o Premio Grinzane Cavour de narrativa estranxeira. No selo FAKTORÍA K están publicados “Obabakoak” (Premio da Crítica 1988, Premio Euskadi 1989, Premio Nacional de Narrativa, Premio Millepages) e “Sete casas en Francia”, con tradución de Ramón Nicolás. Tamén participa na antoloxía “Alén da fronteira. Sete poetas vascos” (Premio Lois Tobío 2013), traducida en galego por Isaac Rubín.


One Response to BERNARDO ATXAGA, ESCRITOR GALEGO UNIVERSAL POLA AELG

  1. Pingback: Atterley road promo code

Deja un comentario