CulturGal volverá celebrarse un ano máis no Pazo da Cultura de Pontevedra, do 5 ao 7 de decembro. Na ampla oferta de actividades non faltan as propostas de KALANDRAKA, coincidindo coa publicación de novos títulos -a tradución ao galego de A CIDADE DOS NENOS, de Francesco Tonucci, e o libro-disco NON HAI BERCE COMA O COLO- e co regreso ás librarías do BRINCA VAI!, que esgotou en menos de seis meses a súa primeira edición.

"A cidade dos nenos", presentación en CulturGal: sábado 6 de decembro, 12:45h.

A CIDADE DOS NENOS, de Francesco Tonucci, é o libro no que o prestixioso educador e psicopedagogo italiano explica a iniciativa que levou a cabo en 1991 na súa cidade natal de Fano. Moitas cidades latinoamericanas e europeas -entre elas Pontevedra- sumáronse a ese novo xeito de pensar a cidade como un espazo planificado e construído á medida da infancia e, por extensión, que redunda nunha maior calidade de vida para todos.

Mónica Baleirón, Sonia Santos e Rut Vázquez son as artífices da tradución ao galego desta obra, que tamén conta con introdución do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e limiar do pedagogo Antón Costa, de Nova Escola Galega.

"Brinca Vai!" con Paco Nogueiras: sábado 6 de deecmbro, 18:30h.

Paco Nogueiras segue brincando por toda Galicia coas cancións do libro-disco BRINCA VAI!, con ilustracións de David Pintor e videoclips dirixidos por Sr. Sagüillo. O autor de composicións como “Meu o mundo é!”, todo un himno a prol da lingua galega, repasará unha parte importante do repertorio deste traballo, con música en directo e moito humor.

"Non hai berce coma o colo" en CulturGal: domingo 7 de decembro ás 11:30h.

NON HAI BERCE COMA O COLO é un libro-disco de arrolos tradicionais procedentes de diversos puntos da nosa xeografía. Magoia Bodega e Paulo Nogueira, do grupo Treixadura, dirixen este proxecto, que conta coa colaboración de destacados intérpretes galegos, como Mini Rivas, que tamén asina o prólogo da obra.

Esta presentación en CulturGal está dirixida a público adulto, especialmente nais e pais, para que coñezan esta selección de xoias melódicas do noso patrimonio oral e musical, e comprendan a importancia de conservar esta riqueza para seguir adurmiñando os meniños cos cantos de berce de antano.


Deja un comentario