"Tempo de exilio", de Joseba Sarrionandia (tradución, Isac Xubín). Tambo, Faktoría K.

Cunha vida de novela, lecturas caudalosas e un insubornable compromiso coa lingua milenaria da nación, Joseba Sarrionandia ofrécenos aos galegos a primeira escolma da súa poesía que se publica nunha lingua distinta do éuscaro orixinal. Os lectores de “Tempo de exilio” poden achegarse así, en edición bilingüe, a unha obra marcada polo peso dunha conciencia en rebeldía e polos refuxios atopados á beira dos grandes nomes da modernidade literaria.

Desde o rigor metálico e a ductilidade sentimental, e grazas a versións de músicos como Laboa, Ordorika ou Oskorri, a poesía que se presenta nesta antoloxía fai tamén parte da banda sonora do devir máis recente do pobo vasco; sen deixar de ser un mapa de terras alleas e un álbum de instantes imborrables.

Estes versos resumen unha longa odisea persoal iniciada por volta de 1985 e vixente ata hoxe mesmo, case tres décadas despois. O resumo, por tanto, de toda unha vida lonxe…

Isaac Xubín verque ao galego as composicións de Joseba Sarrionandia, a quen xa traducira na antoloxía dos sete poetas vascos “Alén da fronteira”; un traballo polo que Xubín recibiu o Premio Lois Tobío 2012 da Asociación Galega de Editores.

O tradutor de “Tempo de exilio” será un dos participantes no recital de mañá xoves na Libraría Cartabón de Vigo.

Dende un punto calquera do mapamundi, Joseba Sarrionandia será un espectador a distancia na presentación do seu libro. Na actualidade, o seu único achegamento posible aos lectores é a través da entrevista que lle fixo o director da colección Tambo, Luís Rei Núñez.

-Que liñas caracterizan a poesía vasca das promocións posteriores a Gabriel Aresti?

Nos anos da década de 1960 tivemos bos autores soitarios como Jean Mirande ou Gabriel Aresti, á marxe da poesía tradicional, cando a literatura en lingua vasca emerxía da censura franquista. Despois veu a poesía cantada de Ez dok hamairu, que popularizou toda a nosa tradición poética dende a Idade Medía até o máis vangardista, porque o repertorio de Mikel Laboa, Xabier Lete ou Benito Lertxundi vén ser unha antoloxía da historia da poesía vasca, interpretada con criterios actuais. Creo que para a miña xeración, que tivo prohibida a lingua vasca na escola, foi unha alfabetización tardía na nosa propia cultura e así, coa oficialización da lingua nas escolas, puidemos asentar a base da proliferación de lectores dos anos 80, conformándose ese espazo de comunicación. Nese novo contexto, xunto coas transformacións de todo tipo, a poesía atopou un ámbito de resonancia urbano e empezou a facer crónica das vivencias da xente de moitos xeitos diversos.

-En que corrente se sitúa vostede?

Pois non o sei, non me gustan os estereotipos e, no noso país, coma en calquera outro lugar onde houbo conflito, adoitouse etiquetar os escritores para desprezalos e relegar a súa obra. A min puxéronme etiquetas diferentes: ‘esteticista’ púxome un; ‘militante’ púxome o outro; pero coido que polo xeral son bastante falsas esas etiquetas. A miña intención coa poesía é facer da nosa lingua un espazo habitable, e hai moito que facer nese sentido, de xeito que me sinto un humilde artesán que fai o que pode nese traballo comunal.

-O acabado formal do poema, é secundario ante a proposta discursiva?

Eu creo que todo vai xunto e non se pode separar, salvo que se queira facer unha análise de texto de antemán. Non teño ningunha présa por publicar e corrixo abondo. Quizais hai textos que nacen con facilidade. Ás veces, o texto aparentemente espontáneo é o que máis elaboración esixe.

“A miña intención coa poesía é facer da nosa lingua un espazo habitable, e hai moito que facer nese sentido, de xeito que me sinto un humilde artesán que fai o que pode nese traballo comunal”

-Que criterio guiou a súa selección para a antoloxía coa que agora se presenta ante os lectores galegos?

Na primeira parte hai textos da primeira colección de poemas, despois veñen algúns textos do cárcere, pero a meirande parte do libro está composto por textos escritos no exilio, entre 1985 e 1995, que se publicaron en 1995 nun volume titulado Hnuy illa nyha majah yahoo.

-Como se traduciría do éuscaro?

Non é lingua vasca, senón a dos houyhnhnms, das viaxes de Gulliver, cando a asemblea equina expulsa ao yahoo da illa e un amigo equino despídeo dese xeito dende a beira do mar, algo así como dicir: ‘Que te vaia ben, homiño’ ou, traducido doutra maneira, ‘Coidate, que non é doado este mundo en que vivimos’. Na parte final do libro recóllense letras que canta Ruper Ordorika no seu disco Memoriaren mapan.

-Este libro é produto de trinta anos de exilio. Está cerca o regreso?

Agardo que si, pero xa sabes que ás veces non hai cousa máis difícil ca volver a casa.

"Tempo de exilio", de Joseba Sarrionandia (tradución, Isac Xubín). Tambo, Faktoría K.

-Inclúe poemas en portugués e algunhas referencias galegas. De onde nace esa aproximación e coñecemento?

A min, cando era novo, abraiábame a prosa de Alvaro Cunqueiro en castelán, que lía, se non me trabuco, nunha revista que se chamaba Destino, e por esa porta entrei ás fantasías bretoas, onde estaban Merlín e Orestes, de xeito que intentei lelo en galego e entón coñecín a Castelao, a Anxel Fole, a Celso Emilio Ferreiro. Para min, converteuse nun lema aquilo de “lingoa proletaria do meu pobo, fáloa porque sí, porque me gosta, porque me peta e quero e dame a gaña…”

-Que lle dicía o poema?

Pois, cando cheguei á Universidade, xa morrera Franco e empezábase a levantar a postergación da lingua vasca, pero tiñamos que xustificar o seu uso rebuscando razóns sociopolíticas ou mesmo máis sublimes, como se un tivese que desculparse por falar a súa propia lingua. É coma se o dono lle esixise ao escravo unha argumentación académica de por que quere a liberdade: pois porque me dá a gana e non teño que demostrarche nada, e menos a ti que me impides esa liberdade. Parécenme pura xustiza poética os insultos aos opresores e aos seus socios dese poema, un canto á liberdade e á libre decisión. Lembro a imaxe de Jemmy Button, que desembarcou do HMS Beagle para quedarse en Tierra de Fuego cos seus paisanos espidos, deixando desconcertado a Charles Darwin.

“Entre as literaturas galega, catalá e vasca creo que hai unha simpatía de sempre e, porén, tamén unha distancia e un descoñecemento”

-Traduciu algo do galego ao éuscaro?

No cárcere seguín a ler literatura galega e abraiáronme os mundos de Xosé Luís Méndez Ferrín, por exemplo. En 1980 coincidín en Carabanchel con algúns presos galegos. En Puerto de Santa María mesmo traducín algúns poemas para un libriño que Koldo Izaguirre publicou nunha edición bilingüe. Creo que se titulaba Poemas náufragos e eran textos de Manoel Antonio, Luís Amado Carballo, Álvaro Cunqueiro, Aquilino Iglesia, Luís Pimentel, Luís Seoane, Celso Emilio Ferreiro e Manuel María. Despois perdín o contacto desde hai trinta anos apenas teño novas da literatura galega.

-Como lle soan os seus poemas en galego?

Pois moi ben, a min o galego e o portugués sempre me soaron como a música.

 -Cre abondo o diálogo entre las literaturas peninsulares?

Vexo que se publican en éuscaro libros de Sergi Pamies, Joan Margarit, Sechu Sende, Iolanda Zúñiga. . . Gerardo Markuleta acaba de publicar antoloxías de poesía e de prosa catalás, no último libro de Otamendi vexo incluso un poema escrito directamente en galego: vexo os autores vascos moi abertos á relación coas outras culturas. Tamén se publican textos vascos en catalán e en galego, coma este mesmo libro… Entre as literaturas galega, catalá e vasca creo que hai unha simpatía de sempre e, porén, tamén unha distancia e un descoñecemento, porque acontece coma nas típicas relacións coloniais, que Guinea, Angola e Mozambique apenas tiñan relacións senón através da metrópoli, onde se implantan os valores e os estereotipos hexemónicos e xeralmente son hostiles ao que lles poida presentar un conflito. Xurdiron medios que facilitan a través da Internet establecer vencellos horizontais máis directos, pero hai que saber saír da corrente hexemónica, algo que non sempre adoita ser cómodo. As linguas minoritarias sempre terán que facer un esforzo para facerse oír.

[Eñaut Elorrieta interpreta o poema titulado ‘Geografia’]

[Ruper Ordorika interpreta ‘Martin Larralde’]

-A que atribúe a frecuencia coa que moitos músicos vascos se inspiraron nos seus poemas?

Supoño que un atopa escrito por outro algo que dalgún xeito quixera dicir.

-Cara onde sente que camiña a súa voz poética?

Pois segue buscando palabras que axuden a ver mellor, o que non sempre se consegue, porque, como dicía Joubert, os vidros ensombrecen e iso non facilita que se vexa mellor.

 

Isaac Xubín e Luís Rei Núñez na Libraría Cartabón.

[Isaac Xubín e Luís Rei Núñez na Libraría Cartabón]


One Response to ‘TEMPO DE EXILIO’: ENTREVISTA A JOSEBA SARRIONANDIA

  1. Pingback: Tempo de exilio, de Joseba Sarrionandia | CADERNO DA CRÍTICA

Deja un comentario