[Making of do libro-disco “Non hai berce coma o colo” realizado por Casa de Tolos]

Paulo Nogueira, Merchi Rodríguez e Magoia Bodega.

[Paulo Nogueira, Merchi Rodríguez (Leilía) e Magoia Bodega]

Quince arrolos do folclore galego compoñen o repertorio do libro-disco “Non hai berce coma o colo”, un proxecto dos músicos e mestres Magoia Bodega e Paulo Nogueira que vén de presentarse en formato libro-disco, ilustrado por Mariona Cabassa. Magoia Bodega e Paulo Nogueira acumulan 25 anos de experiencia no eido da música tradicional galega como integrantes de grupos destacados como Treixadura (Premio Galego da Música), artífices de traballos audiovisuais como “O Quiquiriquí” e “Pelo Gato 24”, e produtores musicais de proxectos como “Pan de millo“, de Migallas Teatro. En “Non hai berce coma o colo” plasmaron o resultado dun longo proceso de acopio de nanas de tradición oral procedentes de diversas zonas da nosa xeografía.

-Cando comezastes a fixarvos nestas pezas do patrimonio inmaterial de Galicia?

PN: Levamos máis de 15 anos madurando esta iniciativa. Cando seleccionabamos materiais para os nosos traballos, aparecían moitos cantos de berce que iamos reservando, ata que reunimos un feixe de temas significativo.

MG: Fose o que fose o que estiveramos buscando, dende melodías infantís para o disco “Pelogato24”, ata panxoliñas para “Quiquiriquí”, pasando por temas para o grupo Treixadura, sempre xurdían cantos de berce, cada cal máis bonito.

PN: O complicado foi facer a selección e buscar o equilibro, seguindo un patrón rítmico e melódico.

-Por que era necesaria esta achega á actual oferta musical e que obxectivos guiaron a elaboración desta obra?

PN: Hai un feito que está aí; a cadea de transmisión oral está rota. As avoas xa non lles transmiten ás nais nin aos netos ese repertorio; non existe nas casas, descoñécese. Cómpre buscar novos cauces para que este patrimonio inmaterial continúe e un posible formato son os CD’s, para que a xente con interese teña acceso a estes materiais. O obxectivo é que estas melodías continúen andando o camiño e sigan vibrando na gorxa de moitas nais e pais, cos seus nenos.

MB: O bo que teñen os cantos de berce é que son das poucas músicas funcionais que se aínda conservan, porque teñen unha utilidade. Antano había unha chea de cantos funcionais para acompañar o traballo…

PN: …Hoxe en día un canto de arada, un canto de arrieiro, as fiadas ou unha espadelada xa non teñen un sentido lóxico na nosa sociedade. Pero os cantos de berce si, ou polo menos deberan seguir sendo funcionais. Mini Rivas comentaba que os nenos ben arrolados son doutra maneira… E ten moita carga filosófica esa afirmación, moito trasfondo.

MB: Son cantos funcionais todos os días e en moitos momento, porque é unha música que se repite a cotío e a moitas horas. Por iso estas melodías quédanlles interiorizadas aos nenos e ás nenas; sempre se reproducen en momentos de calma, cando queren durmir. Mesmo son importantes a modo de consolo, cando caen, por exemplo; ese canto é máxico, soségalles moito. Non queremos que se perda esa funcionalidade.

As avoas xa non lles transmiten ás nais nin aos netos ese repertorio; non existe nas casas, descoñécese. Cómpre buscar novos cauces para que este patrimonio inmaterial continúe e un posible formato son os CD’s, para que a xente con interese teña acceso a estes materiais. O obxectivo é que estas melodías continúen andando o camiño e sigan vibrando na gorxa de moitas nais e pais, cos seus nenos.

-Que dificultades existiron no proceso de produción musical, de que forma están recollidas as cantigas que forman parte de “Non hai berce coma o colo”?

PN: Algunhas pezas están recollidas en cancioneiros; outras proceden de arquivos feitos a partir do traballo de recollida de campo de investigadores como Mini e Mero, ou da Asociación Cultural e Folclórica O Fiadeiro. Hai cancioneiros que traen a primera copla coa partitura; outros só ofrecen unha liña melódica e deses poucos compases hai que elaborar o tema completo, buscando coplas e o procurando o equilibrio das temáticas.

Afortunadamente, hai moito traballo feito pero cada vez resulta máis difícil avanzar. As persoas que se dedican á recollida de campo comentan que cada vez son máis as dificultades; aínda hau xente maior que mantén vivo este folclore, pero cada vez menos. É evidente que en 10 ou 20 anos a ruptura da cadea de transmisión vai ser brutal, por unha cuestión xeracional.

Co feito de que haxa arrolos de distintos lugares de procedencia preténdese mostrar a cantidade e variedade de melodías que hai na nosa tradición oral. Os cantos de berce son un xénero que brilla pola súa calidade, son auténticas xoias melódicas do noso repertorio e na tradición musical galega temos a inmensa sorte de que existan moitos.

-Como valorades o resultado desta experiencia?

PN: Cando Magoia e mais eu levamos adiante calquera proxecto intentamos arrouparnos de compañeiros cos que compartimos a mesma visión musical. A aceptación pola súa parte foi rápida porque coincidiron en que a proposta de “Non hai berce coma o colo” era moi necesaria. Nas voces contamos con Sonia Lebedynski e Merchi Rodríguez (Leilía), dúas voces femeninas moi lindas e timbricamente moi contrastadas; na parte vocal masculina, Mini, toda unha referencia no panorama galego. Pancho Álvarez ocupouse das cordas; César Longa (Treixadura) dos pianos; Begoña Riobó, do violín; Segundo Grandío… Magoia e eu tocamos instrumentos melódicos, as percusións e as zanfonas.

MB: Quedamos moi satisfeitos polas intervencións tan marabillosas dos músicos e das voces; as interpretacións son deliciosas.

Co feito de que haxa arrolos de distintos lugares de procedencia preténdese mostrar a cantidade e variedade de melodías que hai na nosa tradición oral. Os cantos de berce son un xénero que brilla pola súa calidade, son auténticas xoias melódicas do noso repertorio e na tradición musical galega temos a inmensa sorte de que existan moitos.

“Non hai berce coma o colo” presentouse publicamente en CulturGal, ante un público eminentemente familiar. No momento de interpretar unha mostra das cantigas, Merchi Rodríguez achegouse aos nenos e nenas que asistían ao encontro:

“Teño dez sobriños e cando lles cantaba notaba ese acercamento, que quedaban mirando como dicindo: que me cantas! Telos preto, canto máis cerca de min, máis forza me dan… Se os nenos e nenas dende cativiños empezan a escoitar estas músicas, seguramente o día de mañá aprecien moito máis saber de onde vén a nosa cultura musical, por iso é importante proporcionarlles unha boa base”.

Presentación de "Non hai berce coma o colo" (Kalandraka).

Presentación de "Non hai berce coma o colo" (Kalandraka).

Presentación de "Non hai berce coma o colo" (Kalandraka).

Presentación de "Non hai berce coma o colo" (Kalandraka).

Presentación de "Non hai berce coma o colo" (Kalandraka).

Con Kiko Fernández Mujico, Carlos Yus e María Campos, de Migallas.

Reportaxe de Carme Vidal en Sermos Galiza.

[Reportaxe de Carme Vidal publicada en Sermos Galiza]

Entrevista de María Varela en Diario de Pontevedra.

[Entrevista de María Varela publicada en Diario de Pontevedra]


Deja un comentario