O tradutor e escritor Isaac Xubín, que vén de plasmar en galego -dende o éuskaro- as composicións poéticas de Joseba Sarrionandia recollidas na súa primeira antoloxía “Tempo de exilio“, foi entrevistado no Diario Cultural da Radio Galega. É a segunda experiencia de Xubín coa obra deste poeta vasco, trala publicación do libro “Alén da fronteira“, polo que foi  galardoado co Premio Lois Tobío da Asociación Galega de Editores.

Seguen a continuación algunhas das súas impresións sobre esta obra:

“O reto foi máis ben persoal, no sentido de que eu dediqueime a estudar euskera por xente como Sarrionandia, a quen xa lera antes de marchar alí nalgunha tradución ao español. O reto era traballar co mito que supoñía para min traducir a unha persoa que me influíra para cambiar de país e animarme a aprender unha lingua estranxeira”.

“O documento co que traballei estaba cheo de anotacións, suxestións, referencias de todo tipo -culturais e históricas- sobre os textos. Máis aló das complicacións propias dun código lingüístico, todo foi moi sinxelo e ameno para min, tanto como tradutor e como creador”.

“A poesía de Joseba Sarrionandia está chea da súa experiencia vital; para alguén que tivera a experiencia de vivir fóra do seu país e do seu contexto de familia e de amigos durante un tempo longo, será moi sinxelo sentirse  identificado cos versos de Sarrionandia. Ao mesmo tempo, calquera persoa que tivese adquirido certo compromiso con calquera causa tamén vai sentir moi de preto as palabras de Sarrionandia; non só a nivel do que significa o compromiso, senón tamén as derrotas, as pequenas vitorias e os pasos que van sucedendo no proceso”.

“Sarrionandia é un autor incómodo; a proba de que é incómodo é que nos chega aos galegos moitísimos anos despois de que el empezase a publicar e de que xa se convertese nun mito, en todos os sentidos. O feito de que nos chegue tarde é porque, para determinadas elites, Joseba Sarrionandia é incómodo, o que di non son cousas que se adoiten escoitar ou ler na nosa sociedade e están contadas dun xeito bastante directo. Calquera persoa que se achegue ao libro de Joseba Sarrionandia e aos seus versos, vai atopar algo que non está afeito a atopar, por iso creo que é aire fresco”.

[A propósito das palabras de Isaac Xubín nunha entrevista realizada por Xesús Manuel Piñeiro para Sermos Galiza]

Alén da fronteira foi un primeiro paso desa valentía por parte da editorial ante a escaseza de recursos vascos básicos na lingua e na literatura galega, polo que tomaron en consideración facer unha pequena escolma de poetas vascos para achegalos ao galego. Ao ver como era a poesía de Joseba Sarrionandia, xurdiu estoutro proxecto de “Tempo de exilio”.

Isaac Xubín presentou “Tempo de exilio” na Libraría Cartabón de Vigo, xunto con Luís Rei Núñez, director da colección Tambo e autor do poemario “Estrela do norte“.

Isaac Xubín e Luís Rei Núñez na Libraría Cartabón.

Isaac Xubín e Luís Rei Núñez na Libraría Cartabón.

Isaac Xubín e Luís Rei Núñez na Libraría Cartabón.

Isaac Xubín e Luís Rei Núñez na Libraría Cartabón.

Isaac Xubín e Luís Rei Núñez na Libraría Cartabón.

Isaac Xubín e Luís Rei Núñez na Libraría Cartabón.

[Isaac Xubín e Luís Rei Núñez, con Maribel Tato e Gonzalo Pérez, da Libraría Cartabón]

Á presentación de “Tempo de exilio” na Libraría Cartabón asistiu o profesor e crítico Ramón Nicolás, autor dun artigo sobre esta obra, publicado no Caderno da Crítica:

“Repousa nos seus versos, antologados polo propio poeta, un espello inevitable do seu propio percorrido vivencial, unha sorte de cartografía persoal, dalgún xeito tamén colectiva, a través da que se posibilita un diálogo, espido e intenso, consigo mesmo pois o exilio é tamén silencio e o poema serve para rompelo, mais tamén se artella unha conversa ricaz con outras voces da literatura de todos os tempos, onde non faltan chiscadelas explícitas coas voces de Manuel Antonio, Méndez Ferrín ou Celso Emilio Ferreiro por falarmos dalgunhas do noso sistema literario ou esa alofonía presente nalgúns textos escritos directamente en portugués”.


Deja un comentario