Presentación de "Leviatán" na libraría Versus de Vigo.

O artista vigués Ramón Trigo presentará este venres 6 de marzo, ás 20:30 horas, o seu último libro, “Leviatán”, galardoado co Premio Lazarillo de Álbum Ilustrado 2012 e publicado no selo Faktoría K. A presentación, na Libraría Versus de Vigo, tamén contará coa participación de Xosé Amoedo, do colectivo A Madriña Asociados, e do director de KALANDRAKA, Xosé Ballesteros. O propio Ramón Trigo fará unha intervención artística sobre a obra presentada.

Ambientado no mar, “Leviatán” narra unha historia novidosa e enigmática con referencias ao “Moby Dick” de Herman Melville e a textos bíblicos do “Libro dos Salmos”. No fondo, é un traballo cunha importante carga simbólica, xa que reflicte a complexa relación entre os seres humanos e a natureza, advertindo contra as graves agresións que sofre o noso planeta que, malia todo, continúa o seu cíclico devir.

Ramón Trigo, autor de "Leviatán".

Dende o punto de vista artístico, “Leviatán” destaca pola forza e pola expresividade das ilustracións, representadas cunha paleta de cores básica e trazos esquemáticos. A multiplicidade de planos e de perspectivas suxire un plantexamento cinematográfico na sucesión das imaxes, ao acompañar o ritmo da lectura. Ramón Trigo non escatima en metáforas visuais e sorprendentes xogos humorísticos nun único e desacougante escenario: o océano.

A nivel literario, trátase dunha historia con estrutura circular, a base de frases breves e descritivas. En conxunto, “Leviatán” destaca polo misterio co que atrapa a atención dos lectores, partícipes das peripecias da tripulación dun barco na súa ardua persecución dunha enorme balea, como alegorías do mundo e dos seus insensibles habitantes.

Esculturas e debuxos de Ramón Trigo baseados en "Leviatán"

Ramón Trigo iniciou a súa traxectoria artística como ilustrador e debuxante de cómic en xornais e revistas especializadas. As súas primeiras obras pictóricas datan da década dos 80; dende entón ilustra libros para varias editoriais e realiza exposicións, ademais da súa faceta como escultor.

A súa obra presentouse en países como Alemaña, Bélxica, Lituania, Italia e Portugal. Foi incluído na selección The White Ravens. Entre os galardóns recibidos figuran o Premio Arte Xoven Galego, os premios de álbum ilustrado infantil Cidade de Alacante e Cabildo de Gran Canaria, e o Premio Lazarillo. Ademais de “Leviatán”, en KALANDRAKA ten publicado tamén o álbum infantil “O pirata pata de lata“.

"Leviatán", de Ramón Trigo.


Deja un comentario