"Cadros dunha exposición", presentación na Fundación Luis Seoane da Coruña.

O escritor José Antonio Abad e o ilustrador Xosé Cobas, autores de “Cadros dunha exposición”, presentarán este libro-disco publicado por KALANDRAKA este xoves día 11 ás 20:00 horas, na Fundación Luis Seoane da Coruña. Canda eles, tamén intervirá o escritor Xabier P. Docampo. Trátase do terceiro título da colección Música Clásica, dedicado ao compositor ruso Modest Mussorgsky.

“Cadros dunha exposición” guía os lectores polo Museo de San Petersburgo, contemplando as pinturas do artista Viktor Hartmann. Durante o percorrido literario e visual, tamén é posible escoitar fragmentos da suite creada por Mussorgsky en memoria do seu amigo, interpretada pola Filarmónica de Nova York baixo a dirección de Giuseppe Sinopoli.

Con motivo desta presentación na Fundación Luis Seoane, o quinteto de metais Hércules Brass -formado por Alejandro Vázquez, Víctor Vilariño, Javier González, Estéban Méndez e Rodrigo Rodríguez- ofrecerá varias composicións deste destacado músico ruso, que pertencera ao grupo Os Cinco.

"Cadros dunha exposición", ilustración de Xosé Cobas.

Fantasía e realidade danse a man no relato de José Antonio Abad, que invita a espertar a curiosidade e a imaxinación. Con trazos delicados e cores suaves, Xosé Cobas acompaña os textos e as melodías con imaxes sutís e elegantes, procurando que os lenzos tomen vida, e facendo da visita ao museo unha experiencia inesquecible para os sentidos. Destacan o coidado detallismo nas representacións arquitectónicas do espazo museístico e os elaborados xogos de luz.

Recreando os cadros orixinais, o ilustrador introduce os lectores na propia dimensión pictórica das obras. Entre lenzo e lenzo, a modo de transición ou paseo, preséntase unha abstracción artística que reflicte o sentimento da música, como unha sinfonía cromática, en liña coa musical. A influencia  do pintor Fernando Zóbel e as referencias ao movemento romántico están presentes na fermosa proposta estética de Cobas.

"Cadros dunha exposición", ilustración de Xosé Cobas.

José Antonio Abad Varela (A Coruña, 1940) é psicólogo, pedagogo e especialista en proxectos educativos. Dirixiu o Departamento de Divulgación da Música na Orquestra Sinfónica de Galicia. Organizou o Programa Municipal Descubrir a música do Concello de A Coruña, os Domingos con música do Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa, e concertos didácticos en varias cidades. É autor dos textos de “As catro estacións” e “O carnaval dos animais“, que precederon este “Cadros dunha exposición”.

Xosé Cobas (Logrosa-Negreira, 1953) comezou a ilustrar na prensa diaria. A finais dos 80 inclinouse pola ilustración de libros infantís e xuvenís, sumando máis dun cento de títulos. Traballa como deseñador gráfico da Deputación da Coruña. A súa obra expúxose en galerías de España, Europa e Latinoamérica. Recibiu os premios Gourmand World Cookbook, Fetén, Díaz Pardo e Neira Vilas, e foi seleccionado na lista The White Ravens.

José Antonio Abad e Xosé Cobas. Programa ZigZag da TVG.

José Antonio Abad e Xosé Cobas. Programa ZigZag da TVG.

* Reportaxe no programa ZigZag da Televisión de Galicia:

http://www.crtvg.es/cultural/corte-a-corte/cadros-dunha-exposicion-a-nova-publicacion-de-kalandraka-viaxa-con-ocazul-ata-san-petesburgo#.VXf7BTCJpYA.facebook

 

 


One Response to PRESENTACIÓN DE ‘CADROS DUNHA EXPOSICIÓN’ NA CORUÑA

  1. Pingback: Abad e Xosé Cobas, no Museo de San Petersburgo

Deja un comentario