Presentación de "A utilidade do inútil"

A colección Ágora do selo FAKTORÍA K, que reúne obras enfocadas á reflexión e ao pensamento crítico, vén de incorporar un novo título: A UTILIDADE DO INÚTIL, de Nuccio Ordine. Con motivo da participación do autor na segunda edición das xornadas internacionais Compostela Dialogues in Higher Education, organizadas polo Grupo Compostela de Universidades, Nuccio Ordine presentará A UTILIDADE DO INÚTIL o vindeiro xoves 24 de setembro, ás 19:00 horas, na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago.

A UTILIDADE DO INÚTIL, traducido ao galego por Carlos Acevedo, é un manifesto que reúne citas e reflexións colleitadas por Ordine ao longo da sua traxectoria como profesor e investigador. Está estruturado en tres partes: unha primeira sobre a útil inutilidade da literatura e a achega de personaxes do eido da cultura; outra que trata a repercusión da lóxica do beneficio no ámbito do ensino, da investigación e das actividades; e por último, unha mostra de clásicos que tiveron efectos destrutivos na dignitas hominis, a través da “ilusión da riqueza” e da “prostitución da sabedoría”.

Nuccio Ordine rexeita a actual ditadura do beneficio e do utilitarismo, que invadiu todos os aspectos da vida. O autor propón reflexionar sobre a importancia daqueles coñecementos que aparentemente non producen beneficios materiais, malia que nesta sociedade global só se considera útil aquilo do que se obtén unha contraprestación. Ante a crise do sistema, A UTILIDADE DO INÚTIL reivindica que -agora máis que nunca- precísanse coñecementos que nutren o espírito e procuran o ben común, o respecto, a solidariedade e a paz. Un manifesto que chama a loitar contra a corrupción causada polo diñeiro e polo poder.

Nuccio Ordine (Calabria, 1958) é profesor, filósofo e experto no Renacemento e na figura do pensador Giordano Bruno. Actualmente imparte clases de Literatura Italiana na Universidade de Calabria e colabora co Centro para o Estudo do Renacemento Italiano da Universidade de Harvard e da Fundación Alexander von Humboldt, entre outras institucións académicas europeas. É autor de varios libros que foron traducidos e publicados en numerosos países. Entre as distincións que recibiu figuran o Premio Rombiolo, o de Cabaleiro da Lexión de Honra e Comendador da Orde ao Mérito da República Italiana. Escribe periodicamente no diario Corriere della Sera.

Na seguinte entrevista realizada o pasado mes de xullo, da que se publicou un fragmento no xornal Sermos Galiza, Nuccio Ordine xustifica a pertinencia e a necesidade deste libro, ao tempo que reflexiona sobre os desafíos actuais no contexto internacional.  Dende KALANDRAKA, agradecemos o interese da xornalista cultural Carme Vidal, autora do cuestionario, e a colaboración de Rochana Bassi na tradución das palabras do autor.

Nuccio Ordine

«Só o saber pode facilitarche unha conciencia crítica»

Carme Vidal: Os manifestos son textos que nacen cun obxectivo. O seu libro persegue a vontade de defender a filosofía e outros saberes humanísticos e científicos? Están nunha situación de perigo que fai urxente ese manifesto?

Nuccio Ordine: Creo que estamos nunha situación de perigo. Cada vez máis, na nosa sociedade, conta só o beneficio. Como imos decatarnos de cando algo é útil e de que é considerado inútil? Chega con ver os balances dos gobernos. Cando os gobernos elaboran os orzamentos, os recortes caen sobre cousas que consideran inútiles. E onde se recorta? Pois recórtase na escola, na universidade, na investigación científica, nas excavacións arqueolóxicas, nas bibliotecas, nos conservatorios e nos grandes arquivos de Estado. É dicir, en todas as cousas que non dan un beneficio económico inmediato. Cousas que, finalmente, considéranse inútiles. Por iso o manifesto é un berro de alarma, unha chamada á defensa. Temos que reaccionar e temos que intentar impedir que esta ideoloxía nefasta poida destruír estes saberes, considerados inútiles, como a literatura, a música, a filosofía, a arte… Todo o que significa cultura en xeral… A escola, a educación, a universidade. Porque, en cambio, son saberes dos que a humanidade ten necesidade.

CV: Que razóns teríamos para asinar este manifesto que é “A utilidade do inútil”?

NO: Pois hai tantísimas razóns, e están á vista de todos. Se imos continuar por este camiño, acabaremos por desertizar o espírito e por crear unha humanidade deshumanizada. Temos simplemente que ver o que sucede ao noso arredor. A falta de humanidade e a violencia son a miúdo fillas da ignorancia. Todos estamos asistido aos tráxicos sucesos destes tolos fundamentalistas que, con martelos neumáticos, destruían as áreas arqueolóxias e os monumentos que son Patrimonio da Humanidade. O froito desta violencia non se discute. É o feito de que aquelas persoas son ignorantes; non saben que ese patrimonio non ten nada que ver coas súas loucuras fundamentalistas.

Por outra parte, é necesario dicir que toda esta concepción que nós temos hoxe da educación e da universidade, por desgraza, vén posta a proba pola dura lóxica utilitarista. Refírome a que a mesma linguaxe corrompeu a escola e a universidade. É posible que un estudante que se matricula na universidade as dúas primeiras palabras coas que entra en contacto sexan créditos (universitarios) e prazos? É posible transformar o proceso educativo nunha lóxica de tipo empresarial? Estes son os motivos polos que deberiamos asinar unha defensa dos saberes inútiles.

Recórtase na escola, na universidade, na investigación científica, nas excavacións arqueolóxicas, nas bibliotecas, nos conservatorios e nos grandes arquivos de Estado… En todas as cousas que non dan un beneficio económico inmediato

Pero a mesma argumentación serve tamén para a ciencia. Cada vez máis déixase de financiar a investigación de base. Hoxe en día as Admnistracións Públicas dinlles á universidade e aos grandes centros de experimentación: buscade diñeiro para financiar as vosas investigacións. Pero se unha multinacional financia unha investigación universitaria é normal que logo queira un produto, e que o queira tamén en tempos moi breves.

Sen embargo, os grandes descubrimentos que revolucionaron a Historia da Humanidade naceron de investigacións teóricas que, se un naquel momento preguntara a quen as realizaba para que servían, respondería que non servían para nada. Por exemplo, todos dicimos que Marconi inventou a radio, pero Marconi non inventaría nada de nada se antes ca el non estiveran Maxwell e Hertz cos seus estudos sobre as ondas electromagnéticas, que foron as que lle abriron a Marconi a posibilidade de facer os descubrimentos que fixo. Se alguén lles tivera preguntado a Maxwell  e a Hertz para que servían as cousas que estaban facendo, responderían -con moita inxenuidade- que para nada.

Por iso digo que se non seguimos adiante coa investigación de base, se non cultivamos eses saberes que son considerados inútiles, como a música, a arte, a filosofía, a literatura, estamos desertizando a humanidade e imos construír unha humanidade deshumanizada.

Se non seguimos adiante coa investigación de base, se non cultivamos eses saberes que son considerados inútiles, como a música, a arte, a filosofía, a literatura, estamos desertizando a humanidade

CV:  Cal é entón a función hoxe, poñamos por caso, da “filosofía”?

NO: A función da filosofía é, como dicía Aristóteles, fundamentalmente a de facer entender que o saber, o coñecemento, ‘non serve’, non ten unha utilidade inmediata. Que quere dicir ‘non serve’? Que non é servil, que o coñecemento non é servo de ninguén.

Nun mundo coma o noso, no que un mozo que ten que matricularse na universidade ou no instituto, a primeira cousa que che pregunta é “para que me vai servir o latín ou o grego”? Ou “para que me vai servir a literatura ou a filosofía”? Fronte a estas preguntas, un pode responder exactamente como faría Aristóteles: que estes saberes non serven para un obxectivo servil, senón que o obxectivo que teñen é facernos ser homes e mulleres libres, capaces de dicir non; homes e mulleres anticonformistas.

Porque só o saber pode facilitarche unha conciencia crítica e, por tanto, unha capacidade de poder afrontar as cousas do presente e propoñer novas solucións.

O elemento creativo é un elemento fundamental e importante, por iso as asignaturas humanísticas teñen que potenciarse

CV:  Vostede é moi crítico coas reformas dos planos de estudo que cercenan a presenza das humanidades. A LOMCE que se está a impoñer no noso sistema educativo é unha delas. Como convencería a un goberno para que mude esa dirección no ensino?

[NOTA: A LOMCE non existe en Italia, é un tema español. Preguntáronlle con referencia á nova modificación da Lei de Educación en italia, que propón o goberno de Matteo Renzi e que é coñecida dende o goberno como a ‘buona escuola’. Pero a óptica de modernización desta lei é similar á LOMCE porque as liñas vertebrais díctanas os informes Pisa]

NO: Está claro que o que nós teriamos que facer é ver as alternativas que toman os países tecnoloxicamente máis avanzados. Pensemos en Corea do Sur, que nestes momentos está facendo un grande investimento nas ciencias humanas. Por que? Porque en Corea do Sur entenderon ben que o progreso científico e tecnolóxico está indisolublemente ligado a un aspecto importante do pensamento, que é a creatividade. Se nós non incrementamos a creatividade, se nós non incentivamos a ‘curiositas’ dos estudantes, e se formamos técnicos especialistas soamente en micro-temas, para resolver un micro-problema, é normal que o progreso que acadaremos será un progreso fortemente limitado.

Mesmo os economistas decatáronse de que, na actualidade, fronte aos escenarios cambiantes do mercado, un economista recén licenciado que recibira unha formación máis ríxida, terá máis dificultades para entender os cambios deste mercado, fronte a un licenciado en Linguas Clásicas.

Non é casualidade que nas universidades de Oxford e de Cambridge os licenciados atopen traballo sen problemas na City [de negocios] de Londres,  onde se prefire a estes licenciados, que non a aqueles que saen das grandes escolas de Economía. O elemento creativo é un elemento fundamental e importante, por iso as asignaturas humanísticas teñen que potenciarse.

En toda Europa os partidos que vencen son racistas e xenófobos; defenden no seu programa a expulsión dos estranxeiros porque sosteñen os seus líderes que veñen a roubarnos o diñeiro

Como explicaba Einstein, o drama é que a escola e a universidade non deben formar soamente profesionais; deben formar sobre todo persoas libres, que teñan capacidade de raciocinio, que poidan pensar coa súa propia cabeza. Neste sentido, Eisntein, un dos maiores científicos da Historia da Humanidade, di que para poder facer ciencia é necesario que haxa persoas cultas e curiosas; non fala de especialistas. Con estes argumentos que estou dando, abondaría para facer entender que, se queremos aumentar a curiosidade e a creatividade, e por tanto, incrementar a capacidade de adaptación aos escenarios cambiantes e  repentinos, necesitamos mentes creativas e elásticas.

CV:  A sociedade está xa demasiado contaxiada desa “lóxica dos beneficios”. Podemos camiñar cara un futuro no que o éxito non se mida en euros?

NO: Por desgraza, hoxe o verdadeiro éxito está ligado ao diñeiro. A ‘dignitas hominis’, sen embargo, non se mide coa conta bancaria. A ‘dignitas hominis’ mídese coa capacidade que os seres humanos teñen para abrazar os grandes valores: a xustiza, a solidariedade e a tolerancia. Se hoxe vemos o que está sucedendo en Europa; esta idea de facer diñeiro, de perseguir o diñeiro, está desencadeando unha forma de egoísmo terrible. De tal maneira que en toda Europa os partidos que vencen son racistas e xenófobos, é dicir, partidos que defenden no seu programa a expulsión dos estranxeiros. Porque sosteñen os seus líderes que veñen a roubarnos o diñeiro. Argumentos que non son verdade, pero que a xente que neste momento sofre a crise económica, non é quen de comprender. Así que estes partidos cobardemente desencadean a guerra dos pobres contra os pobres, aproveitándose do sufrimento.

O valor da solidariedade e da tolerancia está presente na literatura, na filosofía e na música. Os fermosísimos experimentos feitos por Daniel Barenboim, que puxo xuntos nunha orquestra a israelís e a palestinos; ou ben o experimento do mestre Claudio Abbado en Venezuela, onde tantos nenos das favelas destinados a converterse en delincuentes, chegaron a ser excelentes intérpretes. A música é algo que pode irmandar, ao igual que a literatura, a cultura e os clásicos.

Hai que pensar nos grandes valores que nos unen, que son valores culturais

Penso, por exemplo, que cando lemos a Shakespeare en España, en Italia ou en Grecia, Shakespeare non é inglés, senón que pertence a cada un de nós. Cando lemos a Homero, xa non é grego. Cando lemos a Dante e a Petrarca non son italianos. Son eses grandes valores que te fan entender as raíces comúns dunha Europa que é a Europa da cultura. Por tanto, é moi importante evitar reducir todo ao proveito económico e ao diñeiro. O que hai que facer, en cambio, é pensar nos grandes valores que nos unen, que son valores culturais.

CV:  Vostede fala da “barbarie” do útil que chega a afectar ás relacións sociais e personais. Como loitar contra o imperio do utilitarismo?

NO: É suficiente con ler as análises feitas por Eugène Ionesco nunha pasaxe que cito no meu libro. Cal é o retrato do home moderno? O home moderno corre, o home moderno non ten tempo. Os únicos esforzos que fai o home moderno dedícaos a facer diñeiro. É unha fermosa imaxe metafórica de Ionesco ver as persoas que deben acadar unha meta, pero xa non son quen de ver nada que se lles cruce polo camiño. Nesta visión do mundo, por desgraza, os nosos movementos, xestos e pensamentos están exclusivamente dominados pola idea de acadar o útil, de facer algo a cambio de algo. Palabras como gratuíto ou desinteresado, son palabras que saíron do noso vocabulario… Pero nós non podemos vivir sen o gratuíto, sen o desinteresado. Non podemos vivir sen a beleza ou sen a harmonía.

Cando me refiro á idea de ir escoitar un concerto, non serve para nada. Dende logo, non serve para facernos gañar diñeiro. Pero esa música fainos vibrar no máis íntimo, probablemente terá sobre nós un efecto extraordinario, axudaranos a ser máis humanos. Pero sobre todo, axudaranos a cultivar a beleza; e o fermoso apreciámolo non porque nos dea diñeiro, senón porque é femoso en si mesmo.

A escola e a universidade son ocasións para intentar seren mellores

CV:  O saber fainos mellores, afirma. O obxectivo das Universidades é entón facer boas persoas?

NO: Por desgraza, actualmente, as universidades e as escolas teñen unha consideración empresarial. E cal é o significado de empresa? Significa que hai un xerente, un presidente, un rector, que deben conseguir cadrar as contas e, sobre todo, deben achegar unha serie de servizos para acadar o obxectivo que os clientes desta empresa perseguen. E quen son os clientes? Os estudantes. Dá a sensación de que matricularse na universidade ou na escola dependa da obtención dun diploma ou dunha licenciatura que é necesario adquirir.

Cada ano, o primeiro día de clase, pregúntolles aos meus alumnos do primeiro ano: por que viñestes á universidade? Intento que os meus estudantes entendan que á universidade non se vén a sacarse unha licenciatura; que á escola e ao instituto non se matricula un para sacarse un diploma. A escola e a universidade son ocasións para intentar seren mellores. Logo, quen consegue realmente ser mellor é normal que obterá mellores resultados. E é normal que terá un posto de honra na sociedade, pero porque terá mellorado. Pero se un vén á escola ou á universidade co obxectivo final de obter un diploma ou unha licenciatura, estaremos corrompendo os rapaces dende o principio, e estarémolos corrompendo no inicio da súa experiencia vital.

Nós non temos necesidade dunha escola-empresa. Sobre todo porque o concepto de escola-empresa é perigoso: por exemplo, se mañá o rector dunha universidade comproba que nunha materia, unha lingua moi importante como o sánscrito, só ten dous estudantes, o rector dirá -segundo unha lóxica de empresa- que non pode permitirse o luxo de pagar un profesor con só dous estudantes, e eliminará a asignatura de sánscrito. Se logo resulta que só hai dez estudantes de grego, o que tamén fará será eliminar a asignatura de grego. Se quedan trece de latín, tamén se eliminará o latín… E así sucesivamente.

A lóxica empresarial non se pode aplicar ao saber

 

Pero isto significará que dentro de cen anos, cando morran os últmos que coñecían o sánscrito, o grego e o latín, teremos un mundo de ignorantes onde ninguén sexa quen de ler unha inscrición cando haxa un descubrimento arqueolóxico.

Así que un ten que entender que a lóxica empresarial non se pode aplicar ao saber, porque se esa cátedra de sánscrito ten dous estudantes, temos a obriga moral de seguir mantendo vivo o sánscrito. E fomentar o estudo desta lingua aínda que só haxa dous ou tres estudantes.

O deber da escola non é preparar individuos en serie, persoas que repitan coma loros as mesmas cousas,  como parecen pretender as últimas reformas lexislativas. Nós, en cambio, o que temos é necesidade de crear individuos libres, heréticos, que se alonxan da senda oficial. Cando digo herético dígoo na acepción etimolóxica do termo en grego (αἱρετικός): o que elixe, o que é quen de dicir que non, o que é quen de entender. Para facer isto temos que tomar un camiño completamente oposto.

Temos é necesidade de crear individuos libres, heréticos, que se alonxan da senda oficial

Aquí refírome ao ultimo proxecto de Lei do goberno italiano que considera que os mozos teñen que especializarse xa a partir da Secundaria. Coa va ilusión de que desta forma introduciranse no mundo do traballo. É unha gran estupidez. Dobregar a escola ás necesidades temporais do mercado laboral é unha batalla perdida dende o inicio porque, cando finaliza o ciclo formativo dunha persoa despois de dez anos, a tendencia do mercado terá cambiado completamente.

Nuccio Ordine

CV:  Outórgalle ao coñecemento a condición de resistencia fronte á corrupción. Interesa por iso a quen se aproveita do poder non fomentalo?

NO: Creo que a corrupción non se pode combater só coas leis. As leis axudan, pero a corrupción só se pode combater formando os mozos e as mozas na adopción dos grandes valores que manteñen viva a sociedade. Antes facía mención a eles: a xustiza, a solidariedade humana, a tolerancia. Se só formamos mozos e mozas no culto ao diñeiro, é normal que logo, quen se atope nunha situación de poder, se aproveite deste poder para deixarse corromper.

Se vemos o que está sucedendo hoxe, cando nos din que xa non hai diñeiro abondo para a educación, a cultura, o teatro… É unha gran mentira.  O Tribunal de Contas italiano dinos que gastamos 60 mil millóns anuais en corrupción e 180 mil millóns en evasión fiscal. Bastaría simplemente con formar personas de ben para ter un dos países máis ricos do mundo. Se tiveramos persoas que non roubaran e que pagaran os impostos, non necesitaríamos facer ningún recorte. Teriamos os miles de millóns necesarios para intentar darlle osíxeno á cultura e para intentar formar novas xeracións pendentes do ben común, que é o que hoxe realmente falta; porque o egoísmo é o inimigo do ben común.

A corrupción só se pode combater formando os mozos e as mozas na adopción dos grandes valores que manteñen viva a sociedade

CV:  Nese sentido, os recortes na educación e na cultura atentan contra o propio concepto de democracia?

NO: Non hai dúbida. O discurso que pronunciou Victor Hugo na Asamblea Xeral francesa no século XIX é tremendamente actual; parece que o escribira onte. Victor Hugo di que, precisamente nos momentos de crise económica, e dos valores, e da moral, coma os que estamos vivindo nos nosos días, é cando os recursos para a escola e para a universidade teñen que redobrarse, non recortarse. Victor Hugo dános a  entender que o crecemento cultural significa automaticamente crecemento cultural, e crecemento da civilización e da democracia, porque son cousas que van unidas, unha é consecuencia da outra.

Nun mundo egoísta, no que cada un pensa en si mesmo e na súa propia familia exclusivamente, é normal que os vínculos de solidariedade e de democracia se perdan e se disolvan dentro do propio país. É o que está sucedendo en Europa en relación ao tema da inmigración: que deixaron soa a Italia e que o resto dos países non cumpren co seu deber é un tema evidente.

CV: Que efecto ten aplicar esa primacía do utilitarismo ao sistema educativo?

NO: Na miña opinión, a función da educación perde a súa esencia. Pérdese o valor universal do saber, e a  súa función social. A educación serve, sobre todo, para que os mozos e as mozas entendan que máis aló da nosa experiencia persoal e intransferible, que máis aló do país no que vivimos, existen grandes valores universais que debemos asumir e interiorizar.

Co diñeiro pódese mercar todo, agás o saber, que esixe un esforzo persoal que ninguén pode facer no teu lugar

Os filósofos do Renacemento foron un grande exemplo no que estou dicindo. Giordano Bruno dicía: “Para o verdadeiro filósofo, calquera territorio é a súa patria”. Cal é a miña patria? A miña patria é o lugar onde podo filosofar en liberdade, onde podo pensar como home libre. E sen embargo, Giordano Bruno firmaba os seus libros como “il nolano”: quere dicir que estraba moi ligado á sua cidade natal, Nola, nas proximidades de Nápoles. E aquí está a clave do que digo: reivindicar as propias raíces sen perder de vista o universal. O feito de que somos cidadáns de Europa e do mundo.

CV: Que non se poidan comprar outórgalle un poder revolucionario e resistente ao saber?

NO: Estou convencido de que si. Polo menos, por tres boas razóns: o saber é unha forma de resistencia ao utilitarismo.

A primeira razón é aquela que, practicamente os que nos dedicamos ao ensino, vivimos coa nosa experiencia: en cada esquina do mundo prodúcese cada día un pequeno milagre. O milagre é que eu podo entrar na clase e podo ensinar o teorema de Pitágoras sen perdelo. Que significa isto? As leis do mercado son leis nas que sempre hai unha perda e un beneficio. Se vou mercar un coche, perdo o diñeiro e levo un coche. Quen me vende o coche, perde o coche pero colle o diñeiro do coche. No saber, en cambio, non só se enriquece quen recibe, senón tamén quen dá. Porque un profesor que ensina durante toda a súa vida aprende dos seus estudantes. Así que, a lóxica do mercado resulta completamente anulada dentro deste milagre que é a transmisión do saber; que é o ensino.

Os grandes filósofos entenderon a diversidade de linguas e de culturas, de comidas, de vestiarios, como unha riqueza, non como un obstáculo

A segunda razón é que co diñeiro pódese mercar todo, agás o saber, o coñecemento. O saber esixe un esforzo persoal que ninguén pode facer no teu lugar. Se queres coñecer e aprender, tes que pasar por ese esforzo ineludiblemente. Aínda que chegue o xeque máis rico do mundo e me diga: “Profesor, voulle facer un cheque en branco e vostede fai de min unha persoa culta”, sería imposible abrirlle a cabeza para introducirlle nela o saber, se el non quere facer o esforzo. O diñeiro non compra o saber, por tanto, podemos dicir que o saber é unha forma de resistencia.

O terceiro exemplo, que é o mais fermoso, ofrécenolo un Premio Nobel: o dramaturgo irlandés George Bernard Shaw. Imaxinemos que dous mozos galegos saen da casa cada un cunha mazá. Chegan á escola, intercambian as mazás e volven pola tarde á casa cunha mazá. Mudemos agora de escenario. Imaxinemos dous mozos galegos que saen da casa cada un cunha idea. Chegan á escola, intercambian as ideas, e volven á casa pola tarde cada un con dúas ideas. Isto quere dicir que o saber non empobrece a ninguén, máis ben enriquece sempre a todos os actores do saber.

CV: Os seus argumentos, serían válidos tamén para a defensa de culturas minorizadas, tamén no ensino? A globalización está a levar non só ao imperio do “útil” senón tamén, no ámbito cultural, á primacía dunha cultura única que acaba tamén co saber?

NO: Dende logo. Moitos pensadores sentiron horror ante a perspectiva de ter un mundo monolingüe. Un mundo cunha soa relixión, un mundo cunha única cultura. Un mundo dese tipo sería perigoso. Porque non existiría a dialéctica, nin a pluralidade, nin o intercambio, nin a discusión. En cambio, os grandes filósofos entenderon a diversidade de linguas e de culturas, de comidas, de vestiarios, como unha riqueza; non como un obstáculo para o crecemento da humanidade. Esta é a razón pola que hai que defender as linguas e as culturas. É moi importante porque só a diversidade pode darnos a perspectiva dun mundo diverso, plural, aberto e rico no que nós aprendemos a base de confrontarnos cos demais.

É a vella Europa da cultura a que agora, a Europa das bancas e das finanzas, está matando

CV: Estase a falar da posibilidade de que Grecia saia da UE e volvemos a un tempo no que o sistema monetario é o que impera. Fronte iso, vostede defende que unha Europa sen Grecia sería impensábel, xa que os saberes occidentais teñen as súas raigames na lingua e a civiliación gregas.

NO: Esta danza á que asistimos dende hai meses sobre Grecia explica ben ás claras o fracaso de Europa. Hoxe parece que Europa teña só un parámetro para incluír o excluír os seus membros: quen paga a débeda ou quen non a paga. Non importan outros parámetros. Ninguén se pregunta se sería posible imaxinar unha Europa sen Grecia. Na miña opinión, sería imposible imaxinar unha Europa sen Grecia. Todo o que facemos, todas as nosas discusións, todos os termos conceptuais que manexamos, funden as súas raíces na cultura grega.

Temos unha débeda enorme cara a Grecia; independentemente de que Grecia fora administrda por políticos corruptos; non ten nada que ver.

A vara de medir non pode ser soamente o pago da débeda.  Unha europa sen Grecia, sen Italia, sen España,  ou sen Portugal, por se non tiveran pagado a débeda, non sería Europa . Daquela, cando é que se constrúe Europa coma unha verdadeira Europa? En que momento? No Renacemento xa existía unha Europa da cultura. Erasmo saía de Rotterdam para publicar os seus libros en Venecia, Suiza, Inglaterra; e o mesmo facían Giordano Bruno e Tommaso Campanella. Os grandes filósofos europeos consideraban o espazo europeo como un territorio de intercambio, de encontros e desencontros sobre os máis variados temas culturais. Por tanto, Europa non é un concepto ligado ao sistema bancario, ás finanzas ou aos intercambios comerciais. A Europa da cultura existe dende hai moitísimos séculos. E é esta vella Europa a que agora, a Europa das bancas e das finanzas, está matando.

Coido que apoiarse neses antigos modelos pode servir de inspiración para cambiar de ruta nun momento no que se navega a ollo, no que se perdeu o sentido dun obxectivo, porque faltan os valores que inspiraron a Unión Europea.

"A utilidade do inútil", de Nuccio Ordine (Faktoría K)

 


Deja un comentario