Entrega do I Premio Etxepare-Laboral-Kutxa

O poemario “Tempo de exilio”, de Joseba Sarrionandia, traducido ao galego por Isaac Xubín e publicado na colección TAMBO do selo FAKTORÍA K, gañou a primeira edición do Premio de Tradución Etxepare-Laboral Kutxa, convocado polo Instituto Vasco Etxepare. Este galardón, que vén de entregarse en Donostia coincidindo co Día Internacional da Tradución, recoñece a calidade do traballo realizado por Xubín.

“Tempo de exilio” -en edición bilingüe eúscaro/galego- é a primeira antoloxía poética de Sarrionandia, un dos principais expoñentes da moderna literatura vasca. O propio autor participou na selección das composicións, que abranguen tres décadas de traxectoria literaria.

Filólogo, escritor e tradutor, na actualidade Isaac Xubín é profesor en Sheffield. É autor de varios libros de poesía, narrativa curta e colaborou en publicacións colectivas. Como docente e investigador, elaborou un dicionario galego-éuscaro e foi lector de lingua e literatura galegas no Colexio Universitario de Cork. Na súa faceta como tradutor sobresae por ter recibido o Premio Lois Tobío 2012 da Asociación Galega de Editores (AGE) ao mellor libro traducido por “Alén da fronteira: sete poetas vascos”, publicado igualmente na colección Tambo.

Tambo, baixo a dirección de Luís Rei Núñez, reúne obras de autores galegos, así como de poetas cataláns e vascos na súa lingua orixinal e traducidos ao galego.

O Instituto Vasco Etxepare é unha institución cuxo obxectivo é difundir a lingua e a cultura vascas por todo o mundo, promovendo a difusión internacional do éuscaro e dos creadores vascos en todas as disciplinas, dende a literatura ás artes escénicas, pasando polo cinema, a escultura, a pintura ou a música.

Con motivo do Día Internacional da Tradución, KALANDRAKA destacou o labor conxunto -a modo de ponte entre culturas- coa editorial PAMIELA na promoción da literatura, especialmente para lectores infantís e xuvenís, a través das súas coedicións en eúscaro.

[Xosé Ballesteros, director de KALANDRAKA]

[Intervención de María Jesús Sarrionandia e Manuela Rodríguez (subdirectora de KALANDRAKA), dando lectura a unha mensaxe de Joseba Sarrionandia titulado «Babel mitoaren kontra / Contra o mito de Babel», escrito en éuscaro e galego]


Deja un comentario