Paco Nogueiras no Centro de Educación Especial Príncipe Felipe, de Pontevedra.

[Paco Nogueiras visitou o Centro de Educación Especial Príncipe Felipe, de Pontevedra]

Esta semana chegou a Pontevedra a 17º Campaña de Animación á Lectura de KALANDRAKA que, ao longo dos próximos meses, farase extensible a máis de 200 centros escolares de toda Galicia. A campaña, que está dirixida ao alumnado de Educación Infantil e de 1º ciclo de Educación Primaria, xurdiu á par que o labor editorial de KALANDRAKA, no ano 1998.

Con esas dúas facetas a editora pretende afondar na normalización da nosa lingua dende as primeiras idades. Poesía, contos tradicionais e relatos de autor acordes á idade do público conforman o repertorio destas actividades, nas que a narración oral enriquécese cun acompañamento musical elaborado expresamente para cada historia.

Paco Nogueiras no Centro de Educación Especial Príncipe Felipe, de Pontevedra.

Retrousos e cancións fan que os nenos e as nenas poidan participar activamente nas sesións, acompañando as historias narradas coa voz, coas palmas ou con acenos.

Nesta edición, os contacontos artéllanse arredor dos versos das “Cantarolas” de Anisia Miranda e de Xosé Neira Vilas, en homenaxe ao autor de Gres, falecido o pasado mes de novembro.

Como ferramenta de coñecemento, aprendizaxe e transmisión da cultura, as sesións xiran arredor do libro e dánlle todo o protagonismo. E como morada natural dos libros, KALANDRAKA aposta pola biblioteca escolar como espazo de encontro arredor da palabra e da oralidade, coa música como elemento dinamizador.

Paco Nogueiras no Centro de Educación Especial Príncipe Felipe, de Pontevedra.

 


Deja un comentario