Cartel da XVI Campaña de Animación á Lectura do Concello de Santiago

A Campaña Municipal de Animación á Lectura do Concello de Santiago de Compostela vaise inaugurar ao público o sábado 2 de abril, no Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, data que coincide co 18º aniversario de KALANDRAKA. A Galería Sargadelos, convertida nun “pequeno museo” no que se exporán ilustracións e instalacións artísticas relacionados cos libros protagonistas da Campaña, acollerá unha sesión aberta de contos e música, ás 12:00 horas.

As sesións de contacontos a cargo do equipo de animación á lectura de KALANDRAKA formado pola narradora Patricia González e o músico Álex Fente, ademais dos obradoiros de escrita creativa e de ilustración impartidos por Alberto Barreiro e Pablo Otero, respectivamente, comezarán o 1 de abril. Ata o final da Campaña -que se vai clausurar o 14 de maio- participarán na programación uns 5.000 nenos e nenos de Santiago e da bisbarra compostelá. Tamén haberá actividades específicas para pre-lectores nas escolas infantís de Meixonfrío-Salgueiriños, Tambre, Conxo, Fontiñas, San Roque e Tras Parlamento.

O profesorado terá un apartado propio, cunha xornada de presentación da Campaña, o 5 de abril ás 18:30 horas na Galería Sargadelos. O Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago e KALANDRAKA exporanlle á comunidade educativa os libros e as estratexias que centrarán as actividades, para que poidan ter continuidade nas aulas ao longo do curso escolar.

A artista plástica Carme Solé Vendrell, galardoada co Premio Nacional de Ilustración en 1979 e 2013, será a invitada dunha sesión especial para educadores que se celebrará o 14 de abril ás 18:30 horas, na Galería Sargadelos. Co lema “O oficio de ilustrar”, a autora de títulos tan emblemáticos como “A lúa de Xoán”, fará un repaso da súa traxectoria profesional e explicará a súa idea do libro ilustrado como vehículo de comunicación e transmisión de cultura.

IX PREMIO COMPOSTELA

No marco da XVI Campaña Municipal de Animación á Lectura, o 14 de abril farase público o fallo do IX Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, cuxo prazo de envío de traballos aínda rematará este 7 de marzo.

A gañadora da primeira edición foi a arxentina Natalia Colombo, con “Cerca”. Na seguinte convocatoria, o mexicano Felipe Ugalde, por “Un gran soño”. Pep Bruno e Mariona Cabassa, na terceira edición pola obra “A familia C”. Martín León Barreto gañou a cuarta convocatoria, con “A viaxe de Olaf”. Seguiulle “Bandada”, de Julia Díaz e David Álvarez. Na sexta edición a obra elixida foi “Mamá”, de Mariana Ruiz Johnson. De 21 países viñeron os 255 álbums presentados á convocatoria de 2014, na que gañou “Ícaro”, de Federico Delicado.

Na pasada edición o álbum distinguido foi “Despois da chuvia”, de Miguel Cerro; a súa obra ocupará unha parte destacada da actual Campaña, ao dedicárselle a imaxe do cartel, inspirar o lema da programación -“Contos para despois da chuvia”- e abrir a mostra de ilustracións.

DÍA DO LIBRO

Na IX Campaña Municipal de Animación á Lectura tamén haberá unha celebración especial co gallo do Día do Libro, o sábado 23 de abril. Consistirá nunha sesión dobre -ás 11:30 horas e ás 12:30 horras, na Galería Sargadelos- de contos para bebés de 0 a 3 anos, acompañados por un adulto. Cómpre contactar co Departamento de Educación e Cidadanía para solicitar reserva.

A clausura da Campaña “Contos para despois da chuvia” será o sábado 14 de maio ás 12:00 horas. Os contos, a música -coa colabocación do alumnado da Escola Municipal de Música- e outras sorpresas animarán esta xornada.

A Campaña de Animación á Lectura do Concello de Santiago persegue achegar a lectura e a escritura aos nenos e nenas, nun marco agradable e motivador que favoreza a escoita, ademais de poñer en valor as creacións plásticas, literarias e musicais, favorecendo que o público infantil desenvolva unha conciencia crítica e selectiva das súas lecturas. Tampouco se descoida a importancia da tradición oral como vehículo de transmisión do patrimonio cultural inmaterial galego.

Xosé Ballesteros, Manuel Dioz e Xosé Manuel González-Abella.

PROGRAMA DA XVI CAMPAÑA MUNICIPAL DE ANIMACIÓN Á LECTURA ‘CONTOS PARA DESPOIS DA CHUVIA’

 


One Response to ‘CONTOS PARA DESPOIS DA CHUVIA’, EN COMPOSTELA

  1. Pingback: Abril 2016, mes do libro « BAMAD GALICIA

Deja un comentario