XVI Campaña Municipal de Animación á Lectura

A Campaña Municipal de Animación á Lectura do Concello de Santiago de Compostela -co lema “Contos para despois da chuvia”– vaise inaugurar para todos os públicos este sábado 2 de abril, co gallo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, data que tamén coincide co 18º aniversario de KALANDRAKA. A Galería Sargadelos, convertida nun “pequeno museo” no que se exporán ilustracións e instalacións artísticas relacionadas cos libros protagonistas da Campaña, acollerá unha sesión aberta de contos e música, a partir das 12:00 horas.

As actividades para escolares correrán a cargo de membros do equipo de animación á lectura de KALANDRAKA: as sesións de contacontos coa narradora Patricia González e co músico Álex Fente, e os obradoiros de escrita creativa e de ilustración con Alberto Barreiro e Pablo Otero, respectivamente, comezarán o venres día 1. Ata o final da Campaña -que se vai clausurar o 14 de maio- participarán na programación uns 5.000 nenos e nenas de Santiago e da bisbarra compostelá. Tamén haberá actividades específicas para pre-lectores nas escolas infantís de Meixonfrío-Salgueiriños, Tambre, Conxo, Fontiñas, San Roque e Tras Parlamento.

O profesorado terá un apartado propio, cunha xornada de presentación da Campaña, o 5 de abril ás 18:30 horas na Galería Sargadelos. O Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago e KALANDRAKA exporanlle á comunidade educativa os libros e as estratexias que centrarán as actividades, para que poidan ter continuidade nas aulas ao longo do curso escolar.

O xoves 14 de abril ás 18:30 horas haberá unha charla-encontro aberta ao público coa artista plástica Carme Solé Vendrell, galardoada co Premio Nacional de Ilustración. Co lema “O oficio de ilustrar”, a autora de títulos tan emblemáticos como “A lúa de Xoán”, fará un repaso á súa traxectoria profesional e analizará o libro ilustrado como vehículo de comunicación e transmisión de cultura.

IX PREMIO COMPOSTELA E DÍA DO LIBRO

No marco da XVI Campaña Municipal de Animación á Lectura, o 14 de abril farase público o fallo do IX Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. Na pasada edición, o álbum distinguido foi “Despois da chuvia”, de Miguel Cerro; a súa obra ocupará unha parte destacada desta nova Campaña, ao inspirar o lema da programación, a imaxe do cartel e abrir a mostra de ilustracións.

Na IX Campaña Municipal de Animación á Lectura tamén haberá unha celebración especial con motivo do Día do Libro, o sábado 23 de abril. Consistirá nunha sesión dobre -ás 11:30 horas e ás 12:30 horas, na Galería Sargadelos- de contos para bebés de 0 a 3 anos, acompañados por un adulto. Cómpre contactar co Departamento de Educación e Cidadanía para solicitar reserva.

O peche da Campaña “Contos para despois da chuvia” será o sábado 14 de maio ás 12:00 horas. Os contos, a música -coa colaboración especial do alumnado da Escola Municipal de Música- e outras sorpresas, animarán esa derradeira xornada.

A Campaña Municipal de Animación á Lectura do Concello de Santiago persegue achegar a lectura e a escritura aos nenos e nenas, nun marco agradable e motivador que favoreza a escoita, ademais de poñer en valor as creacións plásticas, literarias e musicais, favorecendo que o público infantil desenvolva unha conciencia crítica e selectiva das súas lecturas. Tampouco se descoida a importancia da tradición oral como vehículo de transmisión do noso patrimonio cultural inmaterial.

DESCARGA O PROGRAMA: “Contos para despois da chuvia” (pdf)

Programa do XVI Campaña de Animación á Lectura de Santiago.

[Preme nas imaxes para amplialas]

Programa do XVI Campaña de Animación á Lectura de Santiago.

 


Deja un comentario