Antonio Rubio

O poeta Antonio Rubio, autor da colección “Do berce a lúa” para pre-lectores, ilustrada polo galego Óscar Villán e publicada por KALANDRAKA, visita Galicia durante esta semana.

Antonio Rubio en Santiago.

A primeira cita será mañá martes ás 18:30 horas na Galería Sargadelos de Santiago (Rúa Nova, 16), para impartir unha sesión formativa co lema “Do berce á lúa: o traballo poético na escola”. O encontro, aberto ao público e dirixido especificamente a educadores, bibliotecarios, mediadores, nais e pais, e público en xeral, está organizado polo Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago no marco da XVI Campaña Municipal de Animación á Lectura, en colaboración con KALANDRAKA.

Antonio Rubio en Libros para Soñar

Antonio Rubio en Libros para Soñar

O mércores acudirá á libraría LIBROS PARA SOÑAR de Vigo (Rúa Triunfo, 1), onde participará en dúas actividades: ás 17:30 horas, na sesión de contos para bebés de 0 a 3 anos; e ás 19:00 horas, na charla-encontro “Do berce á lúa: o traballo poético na escola”. Na primeira cómpre inscribirse previamente no enderezo electrónico lps@kalandraka.com, mentres que a segunda é de acceso libre ata completar aforo.

Antonio Rubio na Coruña

A terceira parada será o xoves ás 19:00 horas na Coruña para reunirse cos lectores na libraría Moito Conto (Rúa San Andrés, 35), para os que tamén ofrecerá a sesión formativa “Do berce á lúa: o traballo poético na escola”.

“Do berce á lúa” son libros de cartón para nenos e nenas de 0 a 3 anos que axudan a “educar o ollo e adozar o oído”, como explica o Antonio Rubio. O texto destaca polo ritmo de lectura baseado no cancioneiro infantil, e mantén unha total equivalencia entre palabras e imaxes. As ilustracións de Óscar Villán resaltan sobre un fondo claro para facilitar a forza comunicativa.

Antonio Rubio dedicará os seus encontros co público adulto á poesía e á importancia deste xénero literario para a formación dos lectores. Nestas sesións, o autor reflexionará sobre as estratexias máis axeitadas para fomentar nos nenos e nenas -xa dende o berce- o gusto pola palabra poética. Entre as súas propostas, Antonio Rubio falará sobre cómo recuperar e ordenar a memoria poética, recoñecer e utilizar estruturas e recursos da tradición oral para, a partir da poesía tradicional, avanzar cara ás novas creacións.

O autor toledano foi mestre durante 40 anos; un traballo que compaxinou coa súa faceta literaria, á que se sumou tamén a súa contribución á dinamización das bibliotecas escolares. Participa en cursos de animación lectora e de formación do profesorado. Dirixe a colección de poesía ‘Trece Lunas’ do selo Faktoría K de Libros. Ademais, colabora activamente en proxectos de dinamización pedagóxica como Acción Educativa e Pizpirigaña.

É autor de numerosos libros para público infantil como “Almanaque musical”, “Cores” e “Números”; adaptacións de contos tradicionais como “A merliña” e “O poliño da abeleira”; e textos teóricos como “7 Llaves de cuento”, publicados por KALANDRAKA; ademais doutros títulos como “Versos vegetales”, “Tres cuentos de Urraca” e “El murciélago Aurelio” (de próxima publicación).

Antonio Rubio en Libros para Soñar

Antonio Rubio volverá a LIBROS PARA SOÑAR o venres 6 de maio, como invitado especial da habitual sesión de contacontos, a partir das 18:30 horas. Neste encontro cos lectores, dirixido a maiores de 3 anos, contará contos e recitará poemas das súas obras.

Antonio Rubio en LoboCoxo

Por último, o sábado día 7 trasladarase ao Espazo LoboCoxo de Bueu para participar, a partir das 12:00 horas, nunha sesión de contos e cancións dirixida a público infantil e familiar.

 


Deja un comentario