"Diario de Crosses Green", presentación en Noia.

A Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos, en Noia, acolleu a presentación do “Diario de Crosses Green”, do escritor Martín Veiga. Volta o autor á súa terra natal procedente de Cork, a cidade irlandesa onde reside e traballa como profesor universitario. En Cork empezaron a agromar estes versos; de hai xa 15 anos son as primeiras composicións. Porque a obra poética de Martín Veiga constrúese lentamente, dende o sosego, a observación e a reflexión de vagar, en conexión sensorial e espiritual coa natureza.

“Unha garza fita as augas pousada nas ponlas

do salgueiro, estantía coma un penedo branco”

Garzas, lavandeiras, merlos… a presenza das aves é constante no “Diario de Crosses Green”, tal e como destacou a poeta e xornalista Ana Romaní, directora do programa Diario Cultural da Radio Galega. Definiuno como unha “cartografía emocional que nos convoca, un mapa dos lugares da emoción”. Citando a profesora e crítica literaria Chus Nogueira, trataríase dunha “poética do territorio”, unha poética “sobre a literatura e sobre o poema”.

"Diario de Crosses Green", presentación en Noia: Ana Romaní

Martín Veiga fainos partícipes do seu “diálogo literario” con Avilés de Taramancos, Cunqueiro, Novoneyra, Manuel Antonio, María Mariño e outras voces literarias que evoca nestes versos; os lectores asistimos ás súas reflexións sobre a literatura e a poesía.

“Poesía nun sentido moi profundo” é o que, segundo o profesor e escritor David Pérez, practica Martín Veiga, que entende a poesía como “algo profundamente vital, unha actitude ante a vida”. Os seus poemas son comparables con “haikus sen a forma do haiku” pola súa capacidade para “deter o tempo”.

"Diario de Crosses Green", presentación en Noia: David Pérez.

"Diario de Crosses Green", presentación en Noia.

A presentación completouse cun recital do autor, que acompañou a lectura dos seus poemas cunha proxección de fotografías históricas de Cork, pertencentes á colección de Michael O’Leary e ao Cork Camera Club.

"Diario de Crosses Green", presentación en Noia.

Esta obra de Martín Veiga súmase ao ronsel literario da colección Tambo, que dirixe o escritor Luís Rei Núñez e da que forman parte “Os ángulos da brasa” (Premio Ánxel Casal de Poesía 2012, Premio da Crítica Española 2012, Premio de Poesía da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2012 e Premio Nacional de Poesía 2013), “Onde nunca e mañá” e “Rigorosamente humano”, os tres de Manuel Álvarez Torneiro; “Alén da fronteira” (Premio Lois Tobío de Tradución 2012), que recompila a obra de sete poetas vascos; “Tríptico”, de Antoni Marí; “Espiral de sombras”, de Xavier Seoane; “Estrela do norte”, de Luís Rei Núñez; e “Tempo de exilio”, de Joseba Sarrionandia (Premio Etxepare 2015 de Tradución).

"Diario de Crosses Green", presentación en Noia.

“Diario de Crosses Green” tamén se presentará este martes 12 de xullo, ás 20:00 horas, na libraría Couceiro de Santiago, coa participación de Chus Nogueira.

"Diario de Crosses Green", presentación en Noia.

Presentación de "Diario de Crosses Green" na Libraría Couceiro de Santiago.