"Un monstro ven a verme", de Patrick Ness (trad. X.Fraga), Faktoría K.

CHEGA ÁS LIBRARÍAS “UN MONSTRO VÉN A VERME” COINCIDINDO COA ESTREA DO FILME

A novela de Patrick Ness, traducida por Xesús Fraga, incorpórase ao catálogo de Faktoría K

Esta semana chegou ás librarías “Un monstro vén a verme”, a edición en galego da novela na que se inspira a película de Juan Antonio Bayona, que se estrea este venres 7 de outubro. A colección Narrativa K do selo Faktoría K de Libros incorpora esta novela de Patrick Ness, traducida por Xesús Fraga, que foi galardoada cos premios The Red House e National Galaxy, ademais das medallas Carnegie e Greenaway.

A partir dunha idea da escritora norirlandesa Siobhan Dowd, que en 2007 perdeulle a batalla ao cancro, o autor tece unha historia emocionante, divertida e conmovedora; o libro que a ela “lle tería gustado”, explica Ness no limiar, mais sen imitar a súa voz. O resultado é unha narración sinxela pero profunda sobre o amor, a perda e a esperanza.

O seu protagonista é un rapaz agoniado porque a súa nai está gravemente enferma. A aparición dun impoñente monstro que chega para contarlle tres historias, fai que teña que enfrontarse á realidade malia o medo á dureza coa que se lle presenta a vida. “Un monstro vén a verme” impacta e move á reflexión sobre a capacidade de superación das persoas diante dunha situación dolorosa.

Foi a primeira novela xuvenil de Patrick Ness, que xa conseguira o recoñecemento da crítica pola súa triloxía “Chaos walking”. O escritor de orixe estadounidense afincado no Reino Unido, que tamén recibiu os premios Guardian e Booktrust pola súa traxectoria literaria, ten publicado tamén novelas para adultos e relatos curtos.

Xornalista, escritor e tradutor, Xesús Fraga ten traído ao galego a obra de autores como Julian Barnes e Vladimir Nabokov. Precisamente, coa tradución de “Lolita” -publicada por Faktoría K- recibiu o Premio Lois Tobío da Asociación Galega de Editoras; un recoñecemento ao que se suman os premios Rubia-Barcia, Raíña Lupa e Frei Martín Sarmiento, pola súa faceta narrativa.


One Response to ‘UN MONSTRO VEN A VERME’: O LIBRO DA PELÍCULA, EN GALEGO

  1. Pingback: Adianto editorial: “Un monstro vén a verme”, de Patrick Ness | Caderno da crítica

Deja un comentario