"Pippi Mediaslongas", de Astrid Lindgren. Novidade de KALANDRAKA en outubro.

Pippi Mediaslongas fala en galego. Proximamente estará dispoñible a edición deste clásico universal e imprescindible de Astrid Lindgren, cheo de diversión, tenrura e humor, optimismo e ledicia.

Nenas e nenos de todo o mundo temos pasado horas inesquecibles de lectura ao abeiro das aventuras e das extravagancias desta nena, do seu mono señor Nilsson e do seu cabalo. Convertido nunha icona contemporánea, este personaxe literario inspirou unha serie na televisión sueca en 1969 e varias películas protagonizadas tanto por actores como con debuxos animados. Esta versión en galego, traducida por David Álvararez, conta coas ilustracións orixinais e restauradas de Ingrid Vang Nyman.

Nas aforas dunha vila pequeniña había un eido abandonado. No eido había unha casa vella e na casa vivía Pippi Mediaslongas. Tiña nove anos e vivía completamente soa, sen pai nin nai. Iso era unha vantaxe, pois non había ninguén que a mandase para a cama xusto cando máis estaba a divertirse, e ninguén que a obrigase a tomar aceite de fígado de bacallau cando prefería comer lambetadas…

Escandalizados polos seus xestos e comentarios, moitos adultos -ben no eido da literatura, ben da educación- tildárona de mal exemplo para a infancia, pero o éxito desta nena foi imparable: rebelde, transgresora e desclasada, independente, simpática e extrovertida, Pippi rompía cos estereotipos e actuaba de forma contestataria fronte aos maiores. As súas accións motivadas polo absurdo, a espontaneidade ou a provocación, evidencian as convencións da escola, da familia e da sociedade da época.

Astrid Lindgren (Suecia, 1907 – 2002) creou a historia de Pippi Mediaslongas a partir do inverno de 1941 para entreter a súa filla enferma. Dous anos despois, a autora escribiu o relato e regaloulle o manuscrito á nena polo seu aniversario. En 1945 gañou un concurso literario e foi publicado, cunha enorme repercusión en todo o mundo, sendo traducido a numerosas linguas.

A autora, que naceu nunha granxa de Nås, na provincia sueca de Småland, afeccionouse a escribir dende moi nova e chegou a publicar máis de 60 libros pioneiros na defensa dos dereitos da infancia e das mulleres, da igualdade, da non violencia, da natureza e dos animais. Entre os moitos recoñecementos que recibiu destacan o Premio Nacional de Literatura de Suecia (1957), o Premio Hans Christian Andersen (1958), a Medalla de Ouro da Academia Sueca (1971), o Premio da Paz dos libreiros alemáns (1978) e o Premio Internacional do Libro da Unesco (1993). En 2003 o goberno sueco instaurou o Premio Memorial Astrid Lindgren, o máis importante no eido da literatura infantil e xuvenil.


Deja un comentario