Actividades de LIBROS PARA SOÑAR en outubro

LIBROS PARA SOÑAR retoma este mes de outubro a nova tempada de actividades de animación á lectura para público infantil, xuvenil e familiar coas sesións habituais de contacontos dos venres a partir das 18:30 horas, dirixidas a público infantil a partir de 3 anos.

Tamén se reanudan as actividades específicas para pre-lectores. A primeira sesión para bebés realizarase o  mércores 11, a partir das 17:30 horas; seguiralle outra ao cabo de quince días, o mércores 25 á mesma hora. En ambos casos, cómpre inscrición previa a través do enderezo de correo electrónico lps@kalandraka.com

Para completar o ritmo habitual de funcionamento da libraría infantil do Casco Vello vigués, non faltará a renovación da exposición de ilustracións. A partir desta semana e ata finais de novembro poderanse admirar as imaxes creadas por Marc Taeger para o libro titulado “Un máis”, con texto de Olalla González. Sobre a chegada dun novo fillo ou filla a unha familia de coellos trata este tenro relato, ilustrado con acuarelas de tonalidades suaves e do que destaca o seu estudado uso da cor.

CURSO DE CONTACONTOS

Ademais, LIBROS PARA SOÑAR volve organizar un novo curso de contacontos, que impartirá a actriz e narradora Bea Campos. Será no fin de semana do 4 e 5 de novembro, en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 20h o sábado, e só en horario matinal o domingo. O prazo de inscrición xa está aberto e as persoas interesadas poden informarse na propia libraría.

Esta actividade formativa dirixida a educadores e docentes, bibliotecarios, mediadores de lectura, xestores culturais e público en xeral. As clases artellaranse en tres partes: unha primeira sobre a clasificación dos álbums ilustrados por idades, temática e formato, con mostras dos materiais que se atopan no mercado. Tamén se abordará como organizar unha sesión de contacontos en función dos intereses e das expectativas do público, atendendo especialmente á recuperación e á posta en valor da tradición oral, do cancioneiro popular e o legado cultural co que medraron e se formaron as xeracións pasadas. Finalmente, a través de xogos de expresión e de exercicios de relaxación, vanse practicar técnicas para aprender a contar.


Deja un comentario