A escritora de Bueu Lucía Novas presentou o seu novo libro, “Cervatos” no marco dun faladoiro co lema “Poesía galega ao abeiro da colección Tambo”. Canda ela participaron tamén o autor de “Tempo transfigurado”, Cesáreo Sánchez Iglesias, e Isaac Xubín, que traduciu “Tempo de exilio”, de Joseba Sarrionandia (Premio Etxepare de Tradución 2015) e “Alén da fronteira, sete poetas vascos” (Premio Lois Tobío de Tradución 2012).

“Cervatos” é o undécimo título da colección Tambo, que dirixe o escritor e xornalista Luís Rei Núñez. O proxecto retomouse no selo FAKTORÍA K de KALANDRAKA con “Os ángulos da brasa”, de Manuel Álvarez Torneiro, que recibiu en 2013 o Premio Nacional de Poesía e o Premio da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e no 2012 o Premio Ánxel Casal e o Premio da Crítica Española. Tamén foron publicadas obras de Martín Veiga, Xavier Seoane, Antoni Marí, Bernardo Atxaga e do propio Luis Rei Núñez, entre outros

Á sinatura de exemplares incorporouse a ilustradora Belén Padrón, artífice das ilustracións que acompañan “Tempo transfigurado” e da escolma poética de “Rosalía de Castro” na colección Trece Lúas.

O stand de KALANDRAKA -convertido nun estudio radiofónico- tamén recibiu unha ampla representación de creadores que dedicaron as súas obras: os autores Olalla González e Manuel Lourenzo González, os artistas Óscar Villán, Marcos Viso e Marc Taeger, e o director do Grupo Chévere, Xesús Ron.

Olalla González e Marc Taeger

Marcos Viso

Óscar Villán e Manuel Lourenzo González

Xesús Ron, do Grupo Chévere

Polo Espazo Infantil de Culturgal tamén pasou o músico Paco Nogueiras que, tralo éxito de “Brinca vai!”, presentou o seu novo libro-disco, titulado “Radio Bulebule”. Canda el, o director dos videoclips que acompañan a obra en formato DVD, José Miguel Sagüillo, tamén asinou exemplares tralo concerto.

 

 


Deja un comentario