A poeta Lucía Novas presentou no seu Bueu natal o seu novo poemario, Cervatos, publicado na colección Tambo de Faktoría K. Na Sala Amalia Domínguez Búa estivo acompañada polo profesor e crítico literario Ramón Nicolás, e polo director da colección Tambo, Luis Rei Núñez. O gusto polas atmosferas kitsch, a beleza do efémero e a riqueza de obxectos superfluos marcan o estilo desta obra, que bebe das fontes do videoclip e do cinema, da música e da cultura audiovisual contemporánea.

A diferenza dos dez títulos de Tambo precedentes, os poemas de Cervatos teñen un carácter fragmentario, están elaborados a base dun atrevido colaxe de palabras enxertadas con tino, sensibilidade e lirismo. A autora amosa un mundo urbano, nocturno e inhóspito; mais tamén recolle o pouso e a autenticidade do mundo rural. Trátase, en conxunto, dunha poética híbrida entre memoria e cosmopolitismo, que aposta pola mestizaxe entre o popular e o vangardismo. Tampouco elude a crítica á posmodernidade, ao carácter fuxidío e fugaz dunha realidade na que se identifica os individuos como fráxiles cervatos expostos ao teimudo, fascinante e implacable paso do tempo.

 

Licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo, Lucía Novas é docente nun instituto de Pontevedra. Da súa faceta literaria, destaca como autora dos libros Epiderme de estío (2001, Premio de Poesía do Concello de Carral), e Neve (2010, Premio de Poesía Johán Carballeira). Tamén participou nas antoloxías Das sonorosas cordas (2005), Poetízate: antoloxía da poesía galega (2006), Erato: bajo la piel del deseo (2010) ou Novas de poesía: 17 poetas (2014). Ademais, ten colaborado en publicacións como Grial, Dorna, PolpA, Casa da Gramática ou Escrita Contemporánea. Os premios Minerva, Universidade de Vigo e Faustino Rey Romero completan polo momento os recoñecementos que ten colleitado como escritora.

“Cervatos” súmase aos poemarios dos galegos Manuel Álvarez Torneiro -Premio Nacional de Poesía 2013-, Xavier Seoane, Martín Veiga, Luís Rei Núñez e Cesáreo Sánchez Iglesias que viron a luz en Tambo, xunto coa obra do catalán Antoni Marí e do vasco Joseba Sarrionandia, entre outros autores.

Ξ      Ξ      Ξ      Ξ

Trala introdución de Luis Rei Núñez, Ramón Nicolás foi quen trazou o perfil literario da autora e as claves líricas de Cervatos. A súa achega serviu para informar e emocionar, revelando a lectura desta obra como unha oportunidade certeira para o deleite e a reflexión.

Polo xeral adóitase, nunha presentación, falar do libro que nos xunta e, se cadra, non tanto do autor ou autora. Ídesme permitir que, nunha primeira instancia, fale da autora, de Lucía Novas para o que, ademais, e aínda correndo o risco de ser un chisco inoportuno, tamén vos fale de min porque actuamos, escribimos cos “fíos da vida”, como dicía o noso querido Agustín Fernández Paz, invisibles pero tantas veces perennes e sempre resistentes na memoria.

   Hai algúns anos unha antiga profesora, que o foi de moitas persoas que andamos por aquí, Camiño Noia, telefonoume inesperadamente por se quería substituír durante un tempo na Facultade de Filoloxía de Vigo ao profesor Gonzalo Navaza, que se recuperaba devagar dun grave accidente. Sen pensalo como debería dixen que si e compatibilicei, ao longo dun ano e medio máis ou menos, o exercicio da docencia no instituto no que traballaba e traballo aínda hoxe, e algunhas materias que me correspondían para alumnado de primeiro de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo.

   Lembro aquela experiencia como esgotadora física e intelectualmente, pero gozosa, talvez das máis gozosas que a práctica do ensino me brindou ata hoxe. Gozosa, en esencia, porque me posibilitou, sobre outras moitas cousas, coñecer e compartir, xa non só algúns coñecementos e actividades relativas, por exemplo, á nosa literatura contemporánea, que talvez aprendín a ver desde outra perspectiva e que sigo valorando, sen dúbida nun posicionamento chauvista, como a mellor do mundo, porque é nosa e nos define no mundo. Dicía que foi unha experiencia que mesmo me formou porque me resultou operativa para confirmar como un grupo de persoas moi novas querían formarse, e diría que con entusiasmo, nos camiños da filoloxía e, máis concretamente, nos camiños da filoloxía galega. Daquel grupo, moi numeroso, tanto que nuns primeiros momentos me asustaba, conservo na memoria, talvez polo seu interese, pola vontade de sempre saber máis, pola colaboración que me prestaron e  por unha actitude aberta e sempre xenerosa, a algunhas persoas como -e desculparanme outras que agora mesmo esquezo- como Iago Castro, Laura Montes, María Besteiros, Iria Collazo e, loxicamente, Lucía Novas.

   Pasou o tempo, eu volvín ao ensino medio onde felizmente sigo e fun observando como estas persoas, e outras moitas, foron converténdose en magníficos profesionais docentes e, nalgún caso, desenvolvendo con mérito labores noutros ámbitos que teñen que ver co mundo da edición ou da investigación. Ademais, algunhas daquelas persoas comezaban a dar os seus primeiros pasos no traballo literario creativo en lingua galega, o que sempre produce -e descúlpenme de novo- esa confesable, porque estamos entre amigas e amigos, pequena satisfacción como docente que produce o feito de constatar como persoas das que con seguridade aprendín eu máis delas ca elas comigo se incorporan, con paso firme e talento, ao mundo da creación literaria en lingua galega…, probablemente haxa poucas cousas, para min, máis fermosas.

   Ou, se cadra pode habelas,  cando neste mesmo lugar, hai algún tempo, dúas daquelas persoas ás que citei, concretamente Iria Collazo e Lucía Novas, realizan unha disección, garimosa e fantástica e que aínda conservo na memoria, sobre unha novela que aquel seu profesor publicara tamén con certa inconsciencia. E hoxe tócame, claro é, vivir outra desas experiencias que moitas persoas non gozan da posibilidade de vivir, isto é, dicir unhas palabras sobre un libro daquela Lucía Novas, hoxe convertida nunha poeta salientable que camiña, desde hai anos xa, con pasos firmes no ámbito da poesía contemporánea.

   Lucía é probable, estou convencido, que xa escribía naqueles anos compartidos en Marcosende pero, como sabedes, é unha voz galardoada en numerosos concursos literarios e, presenta, ata o de hoxe, unha obra poética singular e senlleira conformada por tres volumes como son Epiderme de estío (2001), Neve (2010) e Cervatos, que aquí nos xunta. Lucía é unha autora, como podedes advertir no que se refire ao espazo temporal que van marcando as datas de publicación dos seus libros, que coce a súa obra a lume manso e iso, para min, resulta, malia que non teña que sempre ser así, unha verdadeira garantía pois entende o coidado preciso que esixe a construción dunha obra que ha de ser meditada, elaborada e reelaborada, dona dun ritmo pousado e pousada na súa produción. Non hai présas por publicar, e isto define a Lucía, non teño dúbida.     Non vou falar aquí das súas obras anteriores mais si me gustaría citar unhas palabras  de Lucía a través das cales nos confesa a súa propia poética:

É a poesía para min a necesidade máis íntima, a substancia da vida, o alimento marabilloso, o pan máis exquisito, ave do Paraíso, pracer delicioso, catarse senlleira, viaxes inauditas, círculos purificadores, pomadas reconfortantes…

Imos enchoupándonos de vida e chega un intre en que reside en nós demasiada xiria: a experiencia vai pasando por unha peneira, criba senlleira, e elabóranse versos e palabras, sensacións de fulgor, raiolas lenísimas, metáforas do cotián e da marabilla… (calidoscopio fantástico, transparencia de vidros). O interior é sala luminosa cunha colección de espellos…

    Estas palabras axúdannos, creo eu, a entender tamén Cervatos, inserido nesa poética que, aventuro, a autora segue a abrazar. Poesía,  pois, é para Lucía “substancia da vida”, catarse, purificación, vida en definitiva. Mais tamén chamo a atención, se me permitides, sobre esa afirmación de que “a experiencia vai pasando por unha peneira”. Talvez poida radicar unha posible lectura  deste Cervatos, que é un libro de vida, un libro no que se olla a vida, un libro que bebe da experiencia sensorial e vital, un libro no que a vida se peneira para iluminarnos e, ademais, faino inserido, por fortuna, nunha colección poética onde o tratamento da palabra, do discurso poético e sobre todo dos silencios atopa un acubillo perfecto porque nel se espella ese diálogo sempre necesario entre a voz e o silencio, o branco, un branco limpísimo e brillante, tanto como a neve, e tantas veces tan elocuente.

   Cervatos, así pois, comenteino nun texto que publiquei hai algúns días, opta por depurar o sentido do poema, o sentido do verso, o propio sentido da palabra. O emprego, recorrente, reiterado e consciente das enumeracións léxicas e a vontade explícita de focalizar a atención na dimensión semántica e simbólica da palabra eríxese neste libro como un proceso intenso, extenuante, talvez mesmo, doloroso e quen sabe se purificador que, sen dúbida, cómpre vincular coa dinámica rápida dos frames do mundo audiovisual, das películas, das cancións… Porque tamén neste libro hai moita música, música evocada que todas e todos podemos ter na nosa mente, mais tamén unha construción que, por veces, parece agromar dunha inspiración musical determinada, sempre heteróxena, ordenada desde a instancia autorial.

   Gústame dicir que as fronteiras da linguaxe nestes poemas, como se di da poesía da poeta María Mariño, se dinamitan, estoupan e suxiren un camiño de interpretación, unha re-codificación impresiva e libérrima, probablemente única e distinta na recepción de cada unha das persoas que se acheguen a eles.

   En Cervatos, claro é, hai un símbolo, que non é o dos cervos, é o dos cervatos, mais que podemos vincular tamén coa poesía e a música: a cría do cervo, fráxil e fermosa, loxicamente dependente da nai e da manda, é un ser un tanto desvalido e, talvez, inocente, mais tamén claramente gregario o que nos fai pensar na voz da tribo, aquí presente sempre. O cervato, así pois, preséntase como o referente que sostén un contraste continuo porque desde o bosque, onde  vive alleo ao paso do tempo e abeirado a unha contorna protectora, a súa presenza sométese agora a unha ollada híbrida na que se desvela ese diálogo cun entorno de asfalto, coa atmosfera máis kitsch e cun son no que reverbera unha crítica á postmodernidade pero á que non se lle dá as costas reutilizando os seus referentes, tantas veces esmaltados cun verniz de ironía, que é un dos elementos máis salientables desta proposta. É un libro plural, heteroxéno, rupturista, fala da memoria, si, tamén do amor, mesmo do amor desde as marxes e a turbulencia dos nosos días. Un libro de contrastes, entre o urbano e o rural cando todo se mestura, de contrastes no uso de rexistros diferentes, de diálogo e diálogos, de obsesións talvez convertidas en elementos clave -velaí o reiterado espiño albar, a neve, os xeranios, os fentos, os tulipáns, as chaquetas de la, o purpúreo, o lobo cerval, o azul índigo, os amorodos… por citar só algunhas referencias recorrentes.

   Volvo aos cervos porque Lucía é filóloga e só dunha filóloga se poden atopar, probablemente, palabras como liscanzo, pelicano, buguina…, talvez unha filólogo con oído marabilloso presto a captar a eufonía pode rematar con ese marabilloso Nightingale da conclusión: Pero Meogo, inevitable non citalo ao falar deste libro, modernizou un xénero como o das cantigas de amigo ao introducir un símbolo como era o do cervo e talvez non sexa esaxerado que estes Cervatos volven modernizar o discurso lírico contemporáneo –non hai leixaprén non, pero non aseguraría eu que o recurso ao paralelismo, ás reiteracións non beban dunha fonte común e renovada transformada agora en imaxes que van e veñen, que van e veñen, que van e veñen. Talvez, con todo, todo isto non se ha ver ata dentro dun determinado tempo, pero alén da referencia literaria gustoume moito o deseño da cuberta que fai pensar máis ca en Pero Meogo, Joan Meendiz de Briteiros ou o xudeu de Elvas -que tamén o usaron como símbolos, aínda tamén pois hai sen dúbida erotismo nestas páxinas e gústame ver os cervatos remexendo aquí non nas augas senón nas conciencias; fai pensar Cervatos -dicía- nas pinturas rupestres cuxa reprodución, nalgunhas culturas, está asociada ao espírito e ao corpo, ao misticismo e á beleza, á forza da luz entre as tebras a un corpo que se rexenera polo marabilloso que supón o nacemento dos brotes nos seus cornos. Cos conceptos de renovación e rexeneración, aínda que poida en primeira instancia parecer hiperbólico, querería quedar. Veremos se o tempo me dá ou quita a razón, veremos mesmo se deste libro se dan tamén, no futuro, brotes ou agromos.

   E todo isto mercé o recurso da colaxe e do fragmentarismo; grazas á imaxe visionaria porque a idea case sempre é imaxe; xogando coa percepción libérrima, como apuntei, que obtemos ao ler ou oír as enumeracións, entre as que están tamén as deses espazos e lugares verdadeiros que aquí se nomean: certos porque non están en mapa ningún, mais si na memoria da voz que nos guía. Cervatos, dalgún xeito, supón unha invitación para habitar outros espazos, algúns percorridos por voces moi diversas entre as que atopo a de Lois Pereiro por só citar unha, desde outra perspectiva, como se di no libro rouba a transparencia e interpélanos desde a transgresión, desde a cerna da subversión, desde a vontade, iso é colleita miña, de matar dunha vez por todas a Bambi, a esa imaxe descafeinada e docificada, dunha vez, dese Bambi que Walt Disney ocultou e manipulou moitas pasaxes do libro orixinal do autor austríaco Felix Salten, esa versión que tanto dano fixo e estou certo que fai.

   Cervatos, cando menos a min, fai pensar que todos somos, no fondo, seres fráxiles, gregarios. Convida á reflexión, repara en obxectos e atmosferas particulares para reivindicar o pensamento pois semella que hai cervatos que nunca medran, que quedan nun estadio de eterna infancia e mocidade que lles impide dar co necesario espírito crítico para se enfrontar coa propia vida, polo que parece que nunca paso o tempo instalados nese non-lugar que é a adolecencia, pero que si pasa, porque tamén neste libro se fala do paso do tempo: un ubi sunt?, no fondo, orixinalmente e brillantemente tratado.

   Conclúo: Lucía díxome un día que o paxaro que prefería era o cuco, non se me ocorre outra forma para pechar esta intervención que estes versos do cantigueiro popular: Canta cuco, canta cuco,/ na rabiza do arado;/ canta cuco, canta cuco,/ que o tempo vaiche acabado.  O meu acabou e agardo que vos fose grato, tanto como supuxo vir a min aquí hoxe e arroupar aos Cervatos que nos xuntan. Grazas, Lucía, e que sigamos léndote moitos anos.

 

 

 


Deja un comentario