A III Gala do Libro Galego reuniu en Compostela o persoal das empresas editoras, das librarías, as escritoras e os escritores, convocados polos seus respectivos gremios, xunto con representantes doutros ámbitos do sector cultural, para premiar as mellores obras publicadas no último ano. O xurado designou “Pippi Mediaslongas” como a mellor tradución, pola frescura e a fluidez deste clásico universal de Astrid Lindgren na nosa lingua, e “Río Bravo” como o mellor libro de teatro, por darlle corpo impreso -nunha coidada edición- a unha obra pioneira que revolucionou o panorama dramático galego. O tradutor David A. Álvarez e Xesús Ron, do Grupo Chévere, recolleron estes galardóns.

David A. Álvarez, tradutor de “Pippi Mediaslongas”

Xesús Ron, do Grupo Chévere

Entre os títulos finalistas nesta Gala do Libro Galego tamén estiveron presentes “A horta de Simón“, de Rocío Alejandro, e “Cervatos“, de Lucía Novas, nas categoría de Libro Ilustrado e de Poesía, respectivamente.

Malia o descenso no número de títulos publicados, a merma na visibilidade da literatura galega e a perda de dereitos por parte dos galegofalantes, o xurado destacou “a gran calidade e o esforzo” dos axentes que interveñen na creación e produción bibliográfica.

Entre os momentos máis emocionantes da Gala, a prolongada ovación a Xabier P. Docampo, autor de “A nena do abrigo de astracán”, que recibiu o premio de Narrativa; e o apoio -co público en pé- ao programa Diario Cultural da Radio Galega na figura da súa directora durante 28 anos, Ana Romaní, que obtivo o premio de Xornalismo Cultural.

Fran Alonso recolleu o premio a Proxecto Literario na Rede en nome de Ramón Nicolás, promotor d’O caderno da crítica

Ana Romaní, premio de Xornalismo Cultural

A Gala do Libro Galego é unha celebración conxunta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. Cada unha das tres entidades entregou os seus premios honoríficos: a AELG recoñeceu a traxectoria literaria de Isabel-Clara Simó nomeándoa Escritora Galega Universal 2018 pola súa defensa da lingua, da cultura, e da dignidade nacional dos Països Catalans. A AGE recoñeceu a prolongada e constante aposta a prol do libro galego de Xavier Senín, subdirector do Libro e de Promoción Cultural da Xunta entre 1987 e 2005. Polo seu compromiso co libro galego e coa lectura, Xurxo Patiño, da libraría viguesa Librouro, recibiu a homenaxe da FLG. A presidenta desta entidade, Pilar Rodríguez, reivindicou -en nome das tres organizacións- máis apoio institucional para a lingua galega, o libro e a lectura, recuperando a Subdirección do Libro e a aplicación da Lei do Libro e da Lectura de Galicia.

 

Isabel-Clara Simó

Xavier Senín

Xurxo Patiño

Pilar Rodríguez, intervindo en representación das tres entidades organizadoras


One Response to GALA DO LIBRO GALEGO 2018

  1. Pingback: Kalandraka - Blog K

Deja un comentario