“Siga vivindo o libro galego”, proclamou Xabier P. DoCampo, con voz feble pero firme, hai un mes ao recoller o premio ao mellor autor de narrativa na gala organizada por editoras, escritores/as e librarías. Tamén as súas palabras han seguir vivas e perennes, tanto as que ceibou ao vento levando a súa liberdade por bandeira, como as que deixou negro sobre branco en tantos artigos, entrevistas e, sobre todo, na súa premiada obra literaria, coherente e honesta, auténtica semente de compromiso coa lingua e coa cultura de Galiza.

Do seu fondo coñecemento dos clásicos da LIX, do seu atinado criterio lector, da súa experiencia como mestre nos nutrimos cando lle confiamos participar no xurado da primeira e da décima edición do Premio Compostela de Álbum Ilustrado. No tinteiro da memoria quedan irremediablemente proxectos e arelas que non remataron de tomar forma. E fica un doce pouso de agradecemento infinito polo tempo compartido e polo moito que nos ensinou: conversas, presentacións…

Chora Frederick, brúa Ferdinando…

 

“Anda o Viaxeiro para volver,

pois os camiños son sempre regresos.

Nas pasadas que nos achegan á orixe,

ollar atrás semella avanzar.

Mais sabe o Viaxeiro que só se avanza

se miramos con coraxe cara a dentro,

para encontrarmos os vieiros que nos levan

polos montes e chairas de nós mesmos”.

[O libro das viaxes imaxinarias]

 

…Boa Viaxe, Xabier! Ata sempre…


Deja un comentario