A XIX Campaña Municipal de Animación á Lectura do Concello de Santiago, organizada polo Departamento de Educación e Cidadanía e por KALANDRAKA, comezará mañá, martes 26 de marzo, coa presentación ao profesorado do programa no que van participar milleiros de escolares ata o vindeiro 3 de maio: sesións de contacontos para Educación Infantil e 1º e 2º ciclo de Primaria, con visitas guiadas á exposición de ilustracións e instalacións artísticas; obradoiros de ilustración e de escrita creativa para 2º e 3º ciclo de Primaria na Ludoteca das Fontiñas; actividades na rede de Escolas Infantís Municipais de Conxo, As Fontiñas, Polígono do Tambre, Salgueiriños-Meixonfrío, San Roque, O Castiñeiriño e Tras Parlamento; sesións de contos para bebés, e contos e música para as familias.

Durante este tempo, as salas do Centro Abanca Obra Social da Praza de Cervantes -novo escenario da Campaña- serán un pequeno museo onde se poderán admirar as ilustracións de “Cándido e os demais”, a obra coa que Fran Pintadera e Christian Inaraja gañaron o XI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. Precisamente, “Cándido e dez premios máis” é o lema da programación, que abrangue ilustracións e instalacións artísticas correspondentes a todas as obras galardoadas no certame:  “Cerca”, de Natalia Colombo; “Un gran soño”, de Felipe Ugalde; “A familia C”, de Pep Bruno e Mariona Cabassa; “A viaxe de Olaf”, de Martín León Barreto; “Bandada”, de Julia Díaz e David Álvarez; “Mamá”, de Mariana Ruiz Johnson; “Ícaro”, de Federico Delicado; “Despois da chuvia”, de Miguel Cerro; “Unha última carta”, de Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi; e “A horta de Simón”, de Rocío Alejandro.

Como cada ano, a Campaña de Animación á Lectura ábrese á participación das familias: haberá dúas sesións especiais de contacontos para bebés de 0 a 3 anos o venres 5 de abril ás 17:30 e ás 18:30 horas, con asistencia previa inscrición no Departamento de Educación do Concello.

O peche da Campaña “Cándido e dez premios máis” tamén será unha celebración aberta ao público, o sábado 27 de abril ás 12:00 horas, na que non faltarán os contos, amenizados coa colaboración do alumnado da Escola Municipal de Música.

XII PREMIO COMPOSTELA

No marco da XIX Campaña Municipal de Animación á Lectura, o Departamento de Educación e Cidadanía e KALANDRAKA convocaron o XII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cuxo prazo de envío de traballos rematará o 30 de abril. Está aberto á participación de autores e ilustradores de todo o mundo que presenten obras orixinais e inéditas escritas en calquera lingua oficial da Península. O fallo do xurado coñecerase na primeira quincena de xuño e o premio consistirá na publicación do traballo distinguido nas cinco linguas peninsulares, ademais de 9.000 euros.

Ao longo das once edicións precedentes a cantidade de traballos presentados supera os 3.000 proxectos, procedentes de numerosos países. Figuras tan destacadas da Literatura Infantil e Xuvenil como os premios nacionais Xabier Docampo, Fina Casalderrey, Miguel Calatayud e Emilio Urberuaga, editoras como Esther Tusquets e Felicidad Orquín, ou artistas como Roberto Innocenti, teñen formado parte do xurado.

A Campaña Municipal de Animación á Lectura do Concello de Santiago persegue achegar a lectura, a ilustración e a escritura aos nenos e ás nenas nun marco agradable e motivador que favoreza a escoita, ademais de poñer en valor as creacións plásticas, literarias e musicais, favorecendo que o público infantil desenvolva unha conciencia crítica e selectiva das súas lecturas. Tampouco se descoida a importancia da tradición oral como vehículo de transmisión do patrimonio cultural inmaterial galego.

PROGRAMACIÓN da XIX CAMPAÑA DE ANIMACIÓN Á LECTURA (en PDF)


Deja un comentario