“É preciso facer viábel unha industria cultural galega en galego, cos necesarios apoios reais, como economía produtiva que é, sustendo da identidade deste país…”

Este fragmento da intervención do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, en representación das tres entidades que organizaron a IV Gala do Libro Galego 2019 -canda a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia– é unha mostra do ton reivindicativo do manifesto e do sentir comprometido dos tres gremios durante a celebración do encontro anual que agrupa os profesionais do sector do libro e da lectura.

O Teatro Principal de Santiago de Compostela volveu acoller esta xuntanza na que se entregaron 15 premios ás publicacións e ás traxectorias máis destacadas do pasado ano, máis tres recoñecementos honoríficos outorgados polas organizacións convocantes.

Xesús Ron e Patricia de Lorenzo do Grupo  Chévere, coa edición impresa da montaxe escénica Eroski Paraíso; a pintora Carmen Hermo pola súa homenaxe a Manfred Gnädinger, Man de Camelle; o catedrático de Educación da USC Antón Costa, director da colección Biblioteca de Pedagoxía; e o escritor Francisco X. Fernández Naval, por Os contos da avoa Pepa. Estas foron as propostas de KALANDRAKA que resultaron galardoadas nesta IV Gala do Libro Galego 2019, con cadanseus artífices. Parabéns!

O xurado destacou de Os contos da avoa Pepa -Premio Gala do Libro Galego 2019 de Literatura Infantil- “a transmisión de valores como a oralidade, a natureza, a memoria familiar e o mundo rural”.

Sobre Man de Camelle, Premio Gala do Libro 2019 de Ilustración, o xurado salientou que “é un libro a contracorrente, onde a ilustración se converte en relato e que, a través dunha técnica aparentemente sinxela, consegue transmitir a vida do personaxe”.

O xurado valorou “moi positivamente” a colección Biblioteca de Pedagoxía e condeceulle o Premio Gala do Libro 2019 á mellor Iniciativa Bibliográfica por tratarse dunha iniciativa que “acolle unha importante escolma de recursos pedagóxicos dos principais autores neste campo traducidos á lingua galega, moi necesaria na actualidade”.

Paro o xurado, Eroski Paraíso -Premio Gala do Libro 2019 de Teatro- é unha obra que, “partindo dun referente real, aproveita para contar con humor as contradicións da sociedade galega contemporánea”.

Entre os finalistas tamén se atopaban as traducións de Momentos estelares da humanidade e de Pedagoxía do oprimido, traídas ao galego por Laureano Araujo e Ramón Nicolás, respectivamente. A canle audiovisual KALANDRAKA TV, especializada en Literatura Infantil e Xuvenil, foi candidata nos apartados de Iniciativa Cultural a prol da Lectura e mais Proxecto Literario na Rede. Man de Camelle tamén estivo nominado na categoría de Libro Mellor Editado e Cara de velocidade, de Marga Tojo, foi finalista en Poesía.

Nos premios honoríficos, as figuras homenaxeadas foron María Xosé Queizán pola Asociación Galega de Editoras; Antonio Fernández Maira pola Federación de Librarías de Galicia; e a escritora portuguesa María Teresa Horta pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Parabéns á organización, a tod@s @s nominad@s nas distintas categorías dos premios e noraboa a@s galardoad@s!

Bea Campos e José Miguel Sagüillo, o equipo de KALANDRAKA TV

Tres xornalistas: Montse Dopico, nominada no apartado de Xornalismo Cultural; a escritora Marga Tojo, finalista nas categorías de Ensaio e de Poesía; e Paz Castro, da área de comunicación de KALANDRAKA.

As alumnas e a súa profesora: a directora editorial de KALANDRAKA, Manuela Rodríguez, e a artista Carmen Hermo, flanquean a Vitoria Ogando.

Ramón Nicolás traduciu ao galego a obra máis senlleira de Paulo Freire para a Biblioteca de Pedagoxía que dirixe Antón Costa


Deja un comentario