A entrega dos Premios Amig@s de Pontevedra 2019 foi un acto alegre e compartido non só co equipo de KALANDRAKA, senón tamén con profesionais que veñen contribuíndo a facer realidade cada día o lema da editorial, Libros para soñar: autores e autoras, imprenta, distribución, asesoramento, libreiros, mediadores… Grazas por sumar nunha traxectoria que dura xa 21 anos e por seguir alentando a ilusión. Grazas ao colectivo Amig@s de Pontevedra e ao seu representante, o xornalista Xabier Fortes, por esta xenerosa semblanza.

Poucas circunstancias marcaron máis a fisionomía social e urbanística de Pontevedra nos últimos cincocentos anos que a súa designación como capital de provincia no primeiro terzo do século pasado. A capitalidade, en dura pugna con Vigo, conflito bélico incluído, supuxo a construción de boa parte da Pontevedra administrativa que hoxe coñecemos. Deputación, Audiencia Provincial, Goberno Civil, Concello… Entre esas iniciativas hai que enmarcar a chegada da primeira imprenta para publicar o Boletin Provincial, da que se encargou un impresor chegado de Compostela e chamado José María Villa.

Nesa labor collería relevo a familia Landín, pontevedresa coma poucas, que a finais do XIX imprimía na nosa cidade a primeira obra dun dos grades autores en lingua castelá, Ramón María del Valle-Inclán; Femeninas, seis historias de amor cargadas a medias do xa decadente romanticismo e do nacente modernismo. Na historia da literatura española -e polo tanto, universal- merece ser destacada esa data, 1895, na que en Pontevedra alumeaba un dos xenios das letras hispanas.

A mediados do XX, en plena posguerra incivil, e a pesar do perigoso que daquela era publicar ou ler segundo que cousas, outra editorial pontevedresa, a do inigualable Sabino Torres, faría posible a publicación dos primeiros poemarios en galego dun entón descoñecido Celso Emilio Ferreiro. Como tiñan que burlar a censura puxéronlle o nome a colección de Benito Soto, o pirata da Moureira, por canto se trataba evidentemente dunha edición medio pirata.

Dende finais desa centuria outra editorial, xa sen problemas de censura, mantén aceso o faro da tradición cultural, literaria e editorial en Pontevedra. Falamos de Kalandraka, fundada en 1998 cando se celebraba o Día do Libro Infantil e, na actualidade, unha referencia no álbum ilustrado en galego, en castelán e noutras linguas do Estado. Por iso conta co apoio de docentes, libreiros e da crítica especializada, un labor recoñecido recentemente coa Premio Nacional á mellor editorial de España.

No seu catálogo atopamos tamén álbums de creación propia con títulos avalados co Premio Nacional de Edición e de Ilustración, e o impagable traballo de rescate de clásicos infantís descatalogados dende hai moito tempo, e que deste xeito volveron os andeis de librarías en Galicia e en todo o Estado cando xa se consideraban perdidos e esquecidos.

Kalandraka edita cada ano uns 400.000 exemplares que levan o selo de Pontevedra por Galicia e por España adiante. Como di o seu director, Xosé Ballesteros, é dalgún xeito unha «embaixada cultural» da nosa cidade en feiras nacionais e internacionais do libro. Elaborar un libro en papel é unha mostra de amor e cariño, máis aínda cos nosos nenos e neste contexto de competencia das plataformas dixitais que reducen ao mínimo o seu tempo de lectura e, polo tanto, de formación humana e crítica. Se ademais boa parte desas publicacións fanse en galego, atopámonos diante dun labor titánico ao que, como di Ballesteros, non axudan as políticas das Administracións.

Ler e un dos maiores praceres da nosa vida. Ensinar a un neno a mergullarse no mundo dos cantos e da literatura, a reflexionar, a viaxar coa imaxinación a outros mundos sen fisicamente saír da súa vila, é a mellor forma de formar cidadáns libres e boas persoas. Podemos dicir, pois, que neste mundo tan duro e difícil que nos tocou, o labor de Kalandraka, como o de todas as editoriais ameazadas por esta era dixital, invita a ser, neste senso, algo máis optimistas sobre o futuro do xénero humano. Para Pontevedra debe ser motivo de orgullo contar coa súa presenza editorial entre nós e por iso quere distinguir a Kalandraka co cadro de honra de “Amigos de Pontevedra”, que lle fai entrega a Xosé Ballesteros o noso alcalde, Don Miguel Fernández Lores.


KALANDRAKA é a entidade premiada este ano por Amig@s de Pontevedra, que leva 48 anos organizando este certame para recoñecer o labor e a traxectoria de persoas e colectivos da cidade. Canda a editorial, tamén resultaron distinguidos, a título individual:

Silvia Aguete Outón, gardameta do clube Poio-Pescamar de fútbol-sala e da selección española, na que destacou como segunda mellor porteira do mundo e primeira clasificada da Liga estatal.

Victoria Arosa Ramírez, fundadora da perruquería Victoria, que leva máis de corenta anos aberta ao público, recibe este galardón como «empresaria de éxito e estilista innovadora».

A traxectoria académica de Montserrat Iglesias Santos está vencellada ás universidades de Pennsylbania e Lovaina, onde completou a súa formación filolóxica e literaria, mais tamén como docente nas universidades de Harvard e Princeton. Estivo á fronte da dirección xeral do Instituto Nacional de Artes Escénicas, foi vicerrectora de Cultura e Comunicación da Universidade Carlos III e directora de Cultura do Instituto Cervantes.

O médico Miguel Domínguez Vaz dirixiu o Hospital Domínguez, actualmente traspasado á multinacional Quirón Salud. Tamén presidiu o Pontevedra Clube de Fútbol, sobre o que escribiu un libro publicado co gallo dos 50 anos da súa historia.

Jesús Rodríguez, veterano articulista deportivo do Diario de Pontevedra, asinaba como ‘Observador’ as súas crónicas sobre os partidos da Sociedade Deportiva Teucro. Tamén foi colaborador da Radio Galega e recibiu, entre outros recoñecementos, a insignia de ouro da Federación Española de Balonmán.

Pablo Dapena González practica triatlón, disciplina na que recibiu a medalla de ouro no campionato do mundo de Dinamarca en 2018 e a medalla de prata no mundial europeo celebrado ese mesmo ano en Pontevedra.

Os Premios Amig@s de Pontevedra entregaranse o vindeiro 10 de agosto. Dende KALANDRAKA agradecemos o equipo que encabeza o xornalista Xabier Fortes o esforzo colectivo por facer posible que estes tradicionais galardóns se sigan mantendo de xeito ininterrumpido dende 1971, e por considerar que a editorial contribúe «ao bo nome da cidade e da bisbarra».