KALANDRAKA é a entidade premiada este ano por Amig@s de Pontevedra, que leva 48 anos organizando este certame para recoñecer o labor e a traxectoria de persoas e colectivos da cidade. Canda a editorial, tamén resultaron distinguidos, a título individual:

Silvia Aguete Outón, gardameta do clube Poio-Pescamar de fútbol-sala e da selección española, na que destacou como segunda mellor porteira do mundo e primeira clasificada da Liga estatal.

Victoria Arosa Ramírez, fundadora da perruquería Victoria, que leva máis de corenta anos aberta ao público, recibe este galardón como “empresaria de éxito e estilista innovadora”.

A traxectoria académica de Montserrat Iglesias Santos está vencellada ás universidades de Pennsylbania e Lovaina, onde completou a súa formación filolóxica e literaria, mais tamén como docente nas universidades de Harvard e Princeton. Estivo á fronte da dirección xeral do Instituto Nacional de Artes Escénicas, foi vicerrectora de Cultura e Comunicación da Universidade Carlos III e directora de Cultura do Instituto Cervantes.

O médico Miguel Domínguez Vaz dirixiu o Hospital Domínguez, actualmente traspasado á multinacional Quirón Salud. Tamén presidiu o Pontevedra Clube de Fútbol, sobre o que escribiu un libro publicado co gallo dos 50 anos da súa historia.

Jesús Rodríguez, veterano articulista deportivo do Diario de Pontevedra, asinaba como ‘Observador’ as súas crónicas sobre os partidos da Sociedade Deportiva Teucro. Tamén foi colaborador da Radio Galega e recibiu, entre outros recoñecementos, a insignia de ouro da Federación Española de Balonmán.

Pablo Dapena González practica triatlón, disciplina na que recibiu a medalla de ouro no campionato do mundo de Dinamarca en 2018 e a medalla de prata no mundial europeo celebrado ese mesmo ano en Pontevedra.

Os Premios Amig@s de Pontevedra entregaranse o vindeiro 10 de agosto. Dende KALANDRAKA agradecemos o equipo que encabeza o xornalista Xabier Fortes o esforzo colectivo por facer posible que estes tradicionais galardóns se sigan mantendo de xeito ininterrumpido dende 1971, e por considerar que a editorial contribúe “ao bo nome da cidade e da bisbarra”.


Deja un comentario