Margarida Noronha, de Kalandraka Portugal, co editor da versión chinesa en inglés de “Cerca”

KALANDRAKA vén de participar na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Shanghai -CCBF nas súas siglas en inglés- que se celebrou do 15 ao 17 deste mes nesta cidade chinesa, a primeira dese país en volume de poboación e importancia económica. Foi a única galega das editoras de ámbito estatal que acudiron a esta convocatoria, formando parte do stand colectivo organizado polo ICEX e a Federación de Gremios de Editores de España.

É a primeira vez que KALANDRAKA acode a este encontro profesional, retomando a súa presenza nas feiras asiáticas. Como resultado do seu contacto con editoras e axentes chineses, coreanos e xaponeses, varias obras do catálogo dos Libros para soñar foron traducidas a linguas orientais. Entre elas, destacan os títulos distinguidos co Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. A nova incorporación, “O can de Milu”, da húngara Mariann Máray, foi un dos libros presentados como novidade.

Na presentación da nova obra de Yang Hongying

Ademais, o director de KALANDRAKA, Xosé Ballesteros, participou no acto de lanzamento do novo libro de Yang Hongying, a escritora chinesa máis popular no ámbito da literatura infantil e xuvenil dese país, coñecida como a J.K. Rowling chinesa, con máis de 50 millóns de exemplares vendidos.

Na súa sétima  edición, a cifra de expositores na CCBF acadou os 400 editores e creadores de contidos procedentes dunha trintena de países. A organización calcula que durante os tres días que durou a feira, o Centro de Exposicións e Convencións Shanghai World Expo recibiu uns 40.000 visitantes de 50 nacionalidades. A programación incluíu presentacións, conferencias, seminarios especializados en literatura infantil e xuvenil, así como foros con expertos de prestixio académico, entre outras actividades.

KALANDRAKA manterá a súa presenza nesta feira nos anos vindeiros, ante o crecente interese do mercado asiático polo álbum ilustrado.

Presentando “O can de Milu” a editores chineses


Deja un comentario