O amor polos animais, a amizade incondicional ante as adversidades e, sobre todo, a liberdade son as cualidades sobresaíntes na obra distinguida co XII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. «O can de Milu», de Mariann Máray, é a historia dunha nena e da súa peculiar mascota, que se converte no seu gran compañeiro de xogos e de diversión. O intenso e abundante colorido das ilustracións transpórtanos dende o bosque á cidade, pasando polo fogar, coa natureza como destino e espazo de reflexión e de liberdade. Son imaxes cheas de detalles, cercanas á estética naíf e ao mundo da infancia, que xogan de xeito audaz cos contrastes cromáticos.

Mariann Máray (Hungría, 1978) é graduada en Artes Aplicadas pola Universidade de Moholy-Nagy e especialista en comunicación visual. Estudou lingua e literatura italiana na Universidade de Budapest e traballa como ilustradora de libros para público infantil. Dende 2009 publicou numerosas obras, ademais de participar en exposicións. En 2017 foi seleccionada para a Bienal de Ilustración de Bratislava e a exposición de ilustración da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña. Nesta última foi finalista do concurso Silent Book 2019.

Na primeira xornada da súa estadía en Santiago, a autora mantivo un encontro con alumnado de Educación e de Artes Gráficas do CIFP Compostela e esta mañá a partir das 10:50h visitará os estudantes de Bacharelato Artístico do IES do Sar para amosarlles o proceso creativo de «O can de Milu». O acto de entrega do XII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado celebrarase a partir das 19:30 horas no Pazo de Raxoi.

Mariann Máray na libraría Os Mundos de Carlota


Deja un comentario