A GALA DO LIBRO GALEGO 2020 PREMIA LIBROS DE POESÍA, TEATRO E A TELEVISIÓN DIXITAL DE KALANDRAKA 

«Feliz Idade», de Olga Novo, na categoría de poesía, «Citizen», do Grupo Chévere, no apartado de teatro, e a canle de televisión dixital KALANDRAKA TV como proxecto literario na rede, veñen de ser distinguidos na quinta edición dos Premios Gala do Libro Galego 2020 que organizan a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia.

A alarma sanitaria motivada pola pandemia de COVID-19 motivou que a celebración da Gala, programada inicialmente para este serán no Teatro Principal de Santiago, se adiase ata outono e que o xurado se reunise telematicamente para valorar as candidaturas.

O poemario de Olga Novo, en palabras da autora, foi “escrito ao mesmo tempo que foi vivido”. Nos seus versos mestúranse experiencias vitais tan importantes como a perda do pai e o nacemento da filla, tendendo entre ambos unha ponte xeracional e vital. Trátase dunha obra que, ademais dos sentimentos e das emocións, tamén está ancorada na terra, no mundo rural en nun valioso patrimonio colectivo.

Tras «Río Bravo» e «Eroski Paraíso», Chévere recibe por terceiro ano consecutivo este galardón, convertendo a Biblioteca de Teatro nun referente dos textos dramáticos. A compañía galega, Premio Nacional de Teatro 2014, presenta nesta obra multidisciplinar -documental, performance, comedia, audiovisual- unha proposta crítica baseada no «Citizen Kane» de Orson Welles para artellar a historia dun empresario galego do téxtil que constrúe un imperio económico.

KALANDRAKA TV suma uns 80 vídeos de Contos Contados en distintas linguas dende que se decretou o confinamento da poboación como medida para acompañar as familias e darlle apoio aos docentes e aos mediadores durante o tempo no que cómpre quedarmos na casa. Os contidos desta sección especial engádense a unha bagaxe de ano e medio de traballo con máis dun cento de reportaxes, entrevistas, vídeos musicais e outros contidos creados para poñer en valor a literatura infantil e xuvenil, dar a coñecer a obra das autoras e autores, ademais de informar sobre novidades editoriais e actualidade vencellada ao libro e á lectura.


Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *