LIBROS PARA SOÑAR-A CORUÑA (Avda. Fisterra, 64) acolle unha exposición de doce ilustracións do debuxante David Pintor (A Coruña, 1975). “Un paseo ilustrado II” poderase visitar ata o 16 de abril en horario comercial. A mostra presenta unha escolma de traballos incluidos en diversos libros infantís, algúns deles editados por KALANDRAKA, como “Contos para nenos que dormen deseguida”, “Compostela” ou “Almanaque musical”. Este último presentarase o venres 23 de marzo ás 19:00 horas, nun acto aberto ao público, coa asistencia de David Pintor.
Parte das ilustracións incluidas en “Un paseo ilustrado II” son o resultado de diversas experiencias viaxeiras: Compostela, Florencia, Amsterdam… As paraxes naturais e as paisaxes urbanas -aderezadas con elementos imaxinarios- están presentes na obra de David Pintor, que comparte cos lectores a súa impresión dos lugares que visita, plasmándoa en imaxes fermosas e lixeiras nas que o propio debuxante se retrata coma un turista accidental, un novo Hermes, un Gulliver contemporáneo.














