O artista plástico Pablo Otero (Ourense, 1970) visitou a libraría Libros para Soñar-A Coruña para presentar a edición especial de “Contos por teléfono” que acaba de publicar KALANDRAKA, cos textos maxistrais do mestre e pedagogo italiano Gianni Rodari. As súas ilustracións elevan á enésima potencia o carácter surrealista, imaxinativo e insólito das historias. Pablo Otero interpretou os relatos con imaxes dun alto contido simbólico, que lles achegan valor engadido con audacia e imaxinación, xogando coas cores.

O ilustrador guiounos polos cadros orixinais que están expostos ata finais deste mes de outubro en Libros para Soñar-A Coruña, comparando os lenzos coa edición impresa, debullando as intrahistorias secretas de cada imaxe. E a súa portentosa creatividade tamén nos deleita a cotío, grazas á espectacular e marabillosa composición que loce no escaparate da libraría, inspirada na portada do libro: un teléfono xigante de tea, unha escaleira que nos transporta ao mundo onírico e máxico e Rodari, pedras de cores que iluminan o noso camiño, letras para xogar coas palabras… 

Seguir leyendo


O vindeiro VENRES 14 DE OUTUBRO, a partir das 18:30 HORAS, celébranse dúas actividades simultáneas nas librarías LIBROS PARA SOÑAR da Coruña e de Vigo.

Na Coruña, o artista plástico Pablo Otero presenta o seu último traballo: as ilustracións do libro “Contos por teléfono” (KALANDRAKA), do gran mestre e pedagogo italiano Gianni Rodari. As ilustracións de Pablo Otero están expostas na libraría e pódense visitar ata finais deste mes en horario comercial.

Pablo Otero guiaranos a través das palabras e das imaxes desta maxistral obra literaria coa que medraron varias xeracións de nenos e nenas. A imaxinación rebordante, a chiscadela surrealista, e a liberdade creativa dos relatos, trasládase tamén ás ilustracións, cheas de colorido e expresividade, realizadas cun perfeccionismo e cun detalle exquisito, para asombrar e sorprender os lectores.

En Vigo retómase a programación de actividades, cun mes de outubro adicado aos libros de arte. Volven as sesións de contacontos dos venres para público infantil e familiar, volven as sesións de contos para bebés dos mércores quincenalmente, volven as exposicións de ilustracións, volven os cursos de formación…

Neste agardado reencontro, Libros para Soñar-Vigo vístese coas ilustracións de Marc Taeger para o álbum infantil “Artur”, un texto de Xosé Manuel González ‘Oli’ editado por FAKTORÍA K. No repertorio de contos, achegarémonos á figura dun dos pintores máis universais, Diego Velázquez, e a un dos seus cadros máis senlleiros, As Meninas. O libro “Un cadro de Velázquez”, de Claire D’Harcourt (FAKTORÍA K) ten todas as claves desta obra e do seu autor.

E xa está aberto o prazo para incribirse no curso de contacontos que vai impartir no mes de outubro a actriz e narradora Bea Campos. As sesións celebraranse do 14 ao 19 de novembro de 17 a 20 horas, e o prezo é de 45 euros.


Libros para Soñar xa está dando os seus primeiros pasos na cidade da Coruña. A festa de inauguración foi todo un éxito de público que impregnou a libraría de ledicia, de optimismo, e de agarimo. Familias, docentes, profesionais das bibliotecas, autores e ilustradores, entusiastas da lectura… a todos, moitas grazas por ser partícipes desta iniciativa audaz, nos tempos de incertidume que corren, pero necesaria, para apostar polo futuro, que son os nenos e as nenas, e pola cultura, co libro e coa lectura como ferramentas para contribuir á construcción dun mundo mellor.

Seguir leyendo


Chegou o gran día da inauguración da libraría Libros para Soñar na Coruña. A partir das 18:00 horas, sesión inaugural de contos e música.

Visita o blog de LIBROS PARA SOÑAR.


A partir de mañá, os Libros para Soñar van asomar ás rúas da Coruña para entrar polos ollos dos lectores e lectoras, e chegar aos seus corazóns. Cunha composición sinxela e harmoniosa, o escaparate da nova libraría infantil e xuvenil reúne varios títulos do catálogo de FAKTORÍA K: o ritmo poético de “Para facer o retrato dun paxaro” (Jacques Prévert-Mordicai Gerstein); o xogo visual de “Un cadro de Picasso” e “Un cadro de Velázquez” (Claire D’Harcourt) cos lenzos de Guernica e das Meninas; e o enfoque didáctico de “Mirar a pintura” e “Descubrir a arte” (Caroline Desnoëttes).

Enlaza co blog de LIBROS PARA SOÑAR.


Comeza a conta atrás para a inauguración de LIBROS PARA SOÑAR-A Coruña. Faltan só tres días para abrir ao público este novo espazo adicado á Literatura Infantil e Xuvenil e á promoción da lectura entre a xente máis nova. A libraría vai amosando xa algúns dos seus recunchos máis especiais…

Porque os protagonistas son os nenos e nenas, a zona infantil destaca polo seu colorido e pola presenza de elementos que buscan a súa complicidade: estes días, directamente chegado dende os bosques de Bengala, recibimos a un félido amigo que invita a ler “O tigre que veu tomar o té”.

Unha cómoda butaca é o lugar ideal para que os maiores lean e escoiten o libro-cd-dvd “Na punta do pé”, para aprender a danzar e a cantar ritmos musicais galegos e portugueses.

De pintar os murais que decoran LIBROS PARA SOÑAR ocupouse o artista plástico galego Pablo Otero, que se inspirou nas ilustracións do libro “Contos por teléfono”, a emblemática obra do escritor e pedagogo italiano Gianni Rodari que moi pronto verá a luz no catálogo dos Libros para Soñar de KALANDRAKA.

E ocupando unha parte preferencial, os andeis das novidades, con interesantes propostas de lectura para cativos de todas as idades, dende os pre-lectores que se inician no manexo dos libros con materiais de tea, madeira ou cartón, ata os lectores autónomos que xa len álbums ilustrados e conxuntos de relatos.

Queredes saber como é o primeiro escaparate de LIBROS PARA SOÑAR-A Coruña? Mañá, nun próximo artigo, poderédelo ver. Unha pista: é de temática artística.

Seguir leyendo