A partir de mañá, os Libros para Soñar van asomar ás rúas da Coruña para entrar polos ollos dos lectores e lectoras, e chegar aos seus corazóns. Cunha composición sinxela e harmoniosa, o escaparate da nova libraría infantil e xuvenil reúne varios títulos do catálogo de FAKTORÍA K: o ritmo poético de “Para facer o retrato dun paxaro” (Jacques Prévert-Mordicai Gerstein); o xogo visual de “Un cadro de Picasso” e “Un cadro de Velázquez” (Claire D’Harcourt) cos lenzos de Guernica e das Meninas; e o enfoque didáctico de “Mirar a pintura” e “Descubrir a arte” (Caroline Desnoëttes).

Enlaza co blog de LIBROS PARA SOÑAR.


Comeza a conta atrás para a inauguración de LIBROS PARA SOÑAR-A Coruña. Faltan só tres días para abrir ao público este novo espazo adicado á Literatura Infantil e Xuvenil e á promoción da lectura entre a xente máis nova. A libraría vai amosando xa algúns dos seus recunchos máis especiais…

Porque os protagonistas son os nenos e nenas, a zona infantil destaca polo seu colorido e pola presenza de elementos que buscan a súa complicidade: estes días, directamente chegado dende os bosques de Bengala, recibimos a un félido amigo que invita a ler “O tigre que veu tomar o té”.

Unha cómoda butaca é o lugar ideal para que os maiores lean e escoiten o libro-cd-dvd “Na punta do pé”, para aprender a danzar e a cantar ritmos musicais galegos e portugueses.

De pintar os murais que decoran LIBROS PARA SOÑAR ocupouse o artista plástico galego Pablo Otero, que se inspirou nas ilustracións do libro “Contos por teléfono”, a emblemática obra do escritor e pedagogo italiano Gianni Rodari que moi pronto verá a luz no catálogo dos Libros para Soñar de KALANDRAKA.

E ocupando unha parte preferencial, os andeis das novidades, con interesantes propostas de lectura para cativos de todas as idades, dende os pre-lectores que se inician no manexo dos libros con materiais de tea, madeira ou cartón, ata os lectores autónomos que xa len álbums ilustrados e conxuntos de relatos.

Queredes saber como é o primeiro escaparate de LIBROS PARA SOÑAR-A Coruña? Mañá, nun próximo artigo, poderédelo ver. Unha pista: é de temática artística.

Seguir leyendo