As actividades da campaña “O Cartafol do Lérez”, organizada pola Concellería de Educación e coordinada por Kalandraka, volveron esta semana aos centros escolares de Educación Primaria do concello de Pontevedra. Ata o xoves 12 de maio, os alumnos e alumnas van participar na creación de textos propios baseados en libros como “Galego á beira do mar”, “Sopa de soño” ou “Batalla de naipes”; van traballar arredor de aspectos vencellados á historia e á tradición oral. Cunha escolma do material que resulte destas sesións confeccionarase a terceira entrega do xornal escolar “O Cartafol do Lérez”, unha publicación impresa de 2.000 exemplares que ten a súa continuación, nunha versión más completa, na páxina www.ocartafoldolerez.org, que está a disposición de toda a comunidade educativa e do público en xeral.
A campaña de animación á lectura O CARTAFOL DO LÉREZ retornou ás aulas dos centros escolares de Pontevedra. Os primeiros alumnos e alumnas en participar nesta nova xeira de obradoiros de escrita creativa foron os do CEIP Marcos da Portela, en Monte Porreiro. Reunidos na biblioteca da escola e baixo a atenta ollada do Trasno dos Libros, estes rapaces e rapazas crearon relatos baseadas no conto “Batalla de naipes”, de Juan Ignacio Pérez e Josep Rodés.
Os centros educativos de Pontevedra retoman este mércores 13 de outubro a súa participación na campaña de animación lectora O Cartafol do Lérez. Ata o venres 22, uns 600 escolares de 5º e 6º de Primaria dos CEIP Marcos da Portela (Monte Porreiro), Manuel Vidal Portela, Vilaverde (Mourente), Cabanas (Salcedo), Froébel, San Bieito de Lérez, Xeve e Marcón traballarán nun total de 24 obradoiros de escrita creativa. Co material resultante publicarase unha nova entrega do xornal escolar O Cartafol do Lérez, de cuxo primeiro número editáronse 2.000 exemplares. Os traballos dos alumnos e alumnas tamén se poderán consultar na páxina de Internet www.ocartafoldolerez.org. Haberá outra fase de “O Cartafol do Lérez” para o vindeiro mes de maio, coa publicación impresa dun terceiro número do xornal escolar. A campaña no seu conxunto deseñouse para realizar uns 60 obradoiros nos que participen arredor de 1.500 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 10 e 11 anos.
Os escolares de Pontevedra despedíronse xa das aulas por este curso académico e teñen por diante un plácido verán para descansar, repasar leccións quen teña que recuperar materias… e ler moito. Tamén a campaña “O Cartafol do Lérez” -organizada pola Concellería de Educación e KALANDRAKA- fai unha paréntese para preparar novos obradoiros, para artellar outras propostas de achegamento ao libro e á lectura, para compartir co profesorado estratexias novidosas de traballo co alumnado. A edición impresa do xornal “O Cartafol do Lérez” chegou hai uns días aos centros de Educación Infantil e Primaria e os rapaces xa poden apreciar as súas propias creacións e as dos seus compañeiros. A partir do próximo mes de setembro, os colexios poden sumarse á campaña: é o caso dos nenos e nenas do CEIP Marcos da Portela, que poderán participar na creación de contos fantásticos, coplas renovadas, noticias imaxinarias… e adiviñas de animais fluviais como as que se recompilan nunha interesante montaxe audiovisual. Para xogar con estes acertixos elaborados polos escolares de 5ºB do CEIP Manuel Vidal Portela, e baseados na lectura da colección “Pequechos” de FAKTORÍA K, basta con acceder ao blog de “O Cartafol do Lérez” no enderezo www.ocartafoldolerez.org.
Os centros escolares de Pontevedra que participaron na campaña de animación lectora O Cartafol do Lérez comezan a recibir hoxe o número cero do xornal escolar que recolle unha escolma dos traballos elaborados polos alumnos e alumnas nos obradoiros de escrita creativa que se realizaron nos CEIP de Barcelos, Vilaverde-Mourente, Cabanas-Salcedo, Manuel Vidal Portela, San Bieito de Lérez, San Martiño-Salcedo e Froebel. Editáronse 2.000 exemplares desta publicación, que tamén se pode consultar na páxina de Internet http://www.ocartafoldolerez.org.
Trátase dunha iniciativa impulsada dende a Concellería de Educación de Pontevedra e coordinada por KALANDRAKA para achegar os libros e a lectura aos escolares de Primaria. Durante o pasado mes de maio, uns 400 rapaces e rapazas participaron activamente nunha serie de actividades baseadas en experiencias literarias adaptadas ao ámbito xeográfico e histórico da cidade, e contextualizadas na dinámica de cada centro docente. Coas creacións do alumnado artellouse un xornal que, ao longo de diversas seccións, contén dende micro-contos, adiviñas e poemas, ata receitas de cociña imaxinarias, pasando por un roteiro creativo pola zona monumental da cidade, unha entrevista co ilustrador Xosé Cobas, unha reportaxe sobre a Salcedoteca, a biblioteca escolar do CEIP San Martiño de Salcedo, e mesmo fotografías dos obradoiros.
Precisamente, un dos obxectivos desta campaña é potenciar as bibliotecas escolares como “eixe vertebrador”, segundo Xosé Pérez, de KALANDRAKA, da actividade dos centros. Pola súa participación en O Cartafol do Lérez, os colexios están a recibir estes días cadanseu lote de 20 obras, con títulos como “Gramática da fantasía”, do pedagogo Gianni Rodari, álbums ilustrados de creación, libros de ciencias, de coñecemento do medio, ou de poesía. A partir das actividades realizadas, os promotores desta iniciativa pretenden “prender a chispa da creatividade” no alumnado, para que a experiencia de ler e escribir se prolongue no tempo.
Ademais de distribuirse gratuitamente nos centros educativos, o xornal tamén aspira a introducirse nos fogares, a través dos propios alumnos e alumnas, “traspasar as fronteiras da escola” e apostar pola “lectura en familia” de O Cartafol do Lérez “como reforzo positivo para achegarse ao libro e á lectura”, precisou Xosé Pérez.
Á parte da versión impresa, que pola limitación do espazo cínguese a unha escolma dos traballos redactados polos alumnos e alumnas, a páxina web de O Cartafol do Lérez permitirá difundir a meirande parte das creacións realizadas nos obradoiros. Trátase dunha ferramenta máis completa e dinámica que permite a participación dos visitantes, que poden enviar comentarios, dispoñer de máis información sobre os libros empregados na campaña, navegar polos contidos das diferentes seccións do xornal e tamén acceder aos blogues dos propios centros escolares.
O Cartafol do Lérez continuará a partir do mes de outubro con máis actividades. Inicialmente, a campaña no seu conxunto deseñouse para realizar uns 60 obradoiros nos que participen arredor de 1.500 nenos e nenas. O concelleiro de Educación de Pontevedra e os representantes de KALANDRAKA animaron os centros escolares a sumarse a esta iniciativa, que a partir do vindeiro curso virá acompañada de novos números da publicación impresa. Así, malia que está proxectado publicar dous xornais máis, cunha tiraxe de 2.000 exemplares cada un, non se desbota a posibilidade de ampliar as previsións.