Anthony Browne

Sheffield (Inglaterra), 1946

Graduado no Leeds College of Art, especializouse en deseño gráfico. O seu afán perfeccionista pola representación da figura humana provén da influencia dos seus primeiros traballos como debuxante de temas médicos nun hospital de Manchester. A súa adicación á ilustración infantil corresponde a unha etapa posterior, como deseñador de tarxetas de felicitación. O seu estilo revela un interese polos pintores surrealistas, as escenas oníricas e a introdución de elementos estraños nas ilustracións. Entre os galardóns que recibiu destacan a Medalla Kate Greenaway, o premio Kurt Maschler, a Medalla Children's Laureate 2009, e o Premio Hans Christian Andersen 2000 pola súa traxectoria. É un dos autores ingleses máis prestixiosos pola súa contribución ao desenvolvemento de novas formas de ler, ver e relacionarse coa linguaxe plástica. Así o demostran títulos como "No bosque", "Sacapenas", "O libro dos porcos", "Que tal estás?" ou "Un gorila. Un libro para aprender a contar", editados por KALANDRAKA. O seu traballo crea un universo cheo de referencias culturais e artísticas, pistas visuais e claves que valoran a intelixencia do lector para completar e interpretar o texto, independentemente da súa idade.

Other books from the same author in Spanish