André François

Timisoara (Rumanía), 1915; París (Francia), 2005

Pintor, escultor, publicista e deseñador gráfico, de familia húngara. Estudou na Academia de Belas Artes de Budapest e instalouse en París en 1934, onde comezou a traballar no taller do artista Adolphe Cassandre. Cinco anos despois obtivo a nacionalidade francesa. Como debuxante, ilustrou a obra de escritores como Jacques Prévert, Raymond Queneau ou Boris Vian. Tamén realizou portadas para publicacións e xornais franceses como Télérama e Le Nouvel Observateur, a revista británica Punch e a norteamericana The New Yorker. Colaborou en Paris Match, Sports Illustrated, Le Monde e Vogue, entre outras. Deseñou anuncios, escenografías e produciu películas de animación. Traballou co caricaturista inglés Ronald Searle e foi membro da Alianza Gráfica Internacional, Cabaleiro da Lexión de Honra francesa e doutor pola Universidade de Londres. A súa expúxose en Europa, Norteamérica e Asia; o Museo de Arte Moderno de París en 1986 e o Museo Mitsukoshi de Tokio en 1995 acolleron as súas maiores retrospectivas. En decembro de 2002 un incendio no seu estudo destruiu case todos os seus traballos e recordos. Tralo sinistro volcouse na súa faceta pictórica, de modo que un ano e medio despois inauguraba no Centro Georges Pompidou a exposición titulada "A proba de lume", á que lle seguiu unha recompilación dos seus deseños na Biblioteca Forney.

Other books from the same author in Spanish