Escola de Barbiana

“Carta a unha profesora” foi o sorprendente texto escrito por nenas, nenos e adolescentes dunha escola rural italiana entre 1966 e 1967 para denunciar a selectividade social que impón un modelo de educación clasista e conservadora. Foi elaborada desde un colexio promovido e xestionado por Lorenzo Milani. Os inicios de Milani foron no eido urbano, onde as súas palabras resultaban incómodas, polo que en 1954 foi enviado á localidade rural de Barbiana, nos Apeninos da Toscana. Puidera parecer que ficase illado, pero foi alí onde mellor desenvolveu a súa vontade educadora, cos adolescentes fillos do campesiñado que -pola súa condición social e polo contexto afastado no que vivían- non asistiran ás clases con regularidade. En horarios de tarde-anoitecer, Milani abriu unha escola diferente que fomentou o pensamento crítico, a creatividade e a autonomía persoal.

  [Fonte: www.amigosmilani.es]